O autobús a Monte Porreiro, máis barato: haberá descontos desde a viaxe número 12 ao mes
Por Alejandro Espiño
O billete de autobús a Monte Porreiro será, para os usuarios máis habituais, aínda máis barato. Así se recolle no convenio asinado este venres entre o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e o xerente da empresa Autocares Rías Baixas, Aurelio Cuiña. O goberno municipal destinará uns 75.000 euros anuais para subvencionar o traxecto entre o barrio e o centro de Pontevedra, un desconto que se suma ao ofertado pola compañía.
En concreto, o Concello de Pontevedra asumirá 0,50 euros do prezo de cada viaxe desde o traxecto número 12 que cada usuario realice mensualmente. Ata agora, este desconto facíase a partir do decimosétimo viaxe. Iso supón que o prezo do billete, a 1,40 na súa tarifa ordinaria, pagaríase neste duodécimo traxecto a tan só 0,75 euros, un prezo que irá baixando proporcionalmente ata os 0,13 euros que custará ao chegar aos 80 viaxes ao mes.
Con esta medida, explicou Fernández Lores, "conseguimos abaratar o traxecto para os usuarios habituais desta liña", usada especialmente, recordou, "por aquelas persoas que non teñen outra forma de comunicarse coa cidade". O alcalde asegurou estar "moi satisfeito" con este convenio e animou a que máis pontevedreses aposten por este medio de transporte "accesible e de gran calidade".
Para poder gozar destes descontos é necesario, sinalou Aurelio Cuiña, adquirir a tarxeta transporte, que permite controlar dun xeito máis fidedigno as viaxes que se realizan cada mes. Durante 2012, 249.000 usuarios utilizaron as liñas 2 e 5, que son as que unen Monte Porreiro con Pontevedra e a Estación de Autobuses. De todos eles, unha media de 11.500 viaxes ao mes foron realizados polos 500 abonados rexistrados. Case un 50% deles superaron o mínimo de viaxes establecido para acceder aos descontos.
Aurelio Cuiña revelou que, aínda que esta é a liña máis usada das que ofrece a compañía, o número de usuarios reflicte un "declive total" neste medio de transporte, algo que non achacou aos prezos, "probablemente o máis barato de Galicia", senón á maior presenza de coches nos fogares pontevedreses e á crise, porque "se hai moita xente sen traballo, igual xa non necesitan baixar tanto a Pontevedra".
O gerente de Autocares Rías Baixas sinalou que o prezo "xa non é unha escusa" para non utilizar o transporte público a Monte Porreiro. Asegurou que a compañía traballa para mellorar a flota de vehículos e a frecuencia dos horarios, aínda que explicou que xa é actualmente a que maior servizo presta en Pontevedra. Entre as oito da mañá e as oito da tarde, hai un autobús a Monte Porreiro cada quince minutos.
Con respecto ao Plan de Transporte Público de Pontevedra, Miguel Fernández Lores asegurou que desde a Xunta "non se volveron poñer en contacto co Concello de Pontevedra" e lamentou que este asunto estea "parado". En todo caso, anunciou que o goberno municipal "está aberto" a asinar convenios similares con outras compañías, sempre que sexa de interese para os pontevedreses e se premie aos usuarios que máis viaxes realicen.