As Rías Baixas un destino para mollar.. e ser mollado
Por Oskar Viéitez
Rías Baixas e Algarve, dous dos principais destinos turísticos de España e Portugal, traballarán coordinados para sacarlle o máximo proveito ás súas accións de promoción turística.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o presidente de Turismo do Algarve, Desiderio Jorge da Silva, asinaron este venres un convenio de colaboración co que pretenden poñer en marcha medidas conxuntas de promoción e de apoio ao tecido empresarial vinculado a este sector.
As Rías Baixas intentan captar turistas entre os 7 millóns de persoas que visitan esta rexión lusa, seguindo unha estratexia similar a emprendida pola Deputación de Sevilla e proximamente a de Badaxoz.
No acto de sinatura deste acordo procedeuse tamén á presentación da versión de verán do vídeo promocional Espírito Rías Baixas, feito pola empresa Esmerarte co que se pretende, segundo indicou a deputada provincial Begoña Estévez, espertar entre os que o vexan "as gañas de vir a mollarse nas Rías Baixas", iso sí "temos que subir un par de grados a temperatura da auga", chanceou Louzán.