Xa é verán pero ata o domingo non vai brillar o sol
Por Redacción
Segundo o Observatorio Astronómico Nacional (Instituto Xeográfico Nacional - Ministerio de Fomento), o verán de 2013 comezou esta mañá do venres 21 de xuño ás 7:04. Esta estación é a máis longa do ano e durará 93 días e 15 horas. Finalizará, polo tanto, o 22 de setembro co comezo do outono.
Non obstante, Pontevedra amenceu co ceo cuberto de nubes e, segundo Meteogalicia, este panorama permanecerá durante a tarde deste venres e durante a xornada do sábado. Non obstante, o domingo comezará a brillar o sol e o anticiclón presentarase a partir do luns. Ao longo da próxima semana agárdase que, sobre todo, durante os primeiros días aumenten as temperaturas achegándose aos 30 graos.
Durante as próximas 24 horas poden aínda presentarse pequenos orvallos pero sen chuvias abundantes. A noite de San Xoán caracterizarase por unha noite fresca debido ao vento do norte con temperaturas en torno aos 10 graos. Durante o día, os termómetros situaranse sobre os 20 graos.