Case 780.000 pontevedreses, chamados a votar nas eleccións deste domingo
Por Alejandro Espiño
Todo está preparado xa para as eleccións deste domingo. Dos case 2,3 millóns de galegos que están chamados a votar nestes comicios galegos, case 780.000 son electores da provincia de Pontevedra. En concreto, 778.785 pontevedreses teñen dereito ao voto. Son 3.908 máis que na anterior cita electoral de 2009. A eles hai que sumar o censo de residentes ausentes, o coñecido como voto emigrante. En Pontevedra, 114.754 persoas.
A provincia de Pontevedra conta cun total de 1.342 mesas electorais. Están situadas en 705 locais repartidos polos 62 concellos pontevedreses.
Para a recollida de información, a Xunta habilitou un dispositivo en toda a comunidade do que forman parte 2.770 representantes da administración, que dispoñen de 1.761 PDA, que permitirán o envío das informacións ao centro de recollida de datos, que estará repartido entre a Cidade da Cultura e os edificios administrativos de San Caetano, onde está situado o centro de prensa.
Nel está previsto que ao longo do día prodúzanse polo menos catro comparecencias dos responsables da Xunta. A primeira ás 10.15 horas para dar conta da apertura de mesas e posibles incidencias; outras dúas para trasladar os avances de participación, ás 12.30 e ás 17.30; e outra máis unha vez o reconto estea avanzado para informar dos resultados do escrutinio.
Ademais, todos os cidadáns poderán ter acceso aos datos en tempo real na páxina web http://resultados2012.xunta.es, onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial e por concellos, así como os datos de participación segundo se vaian recibindo.
Para garantir a seguridade dos votantes, a Delegación do Goberno preparou un operativo no que, na provincia de Pontevedra, participarán 846 axentes da Policía Nacional e 1.119 gardas civís. Ademais, as policías locais de cada concello sumaranse ao mesmo nos seus respectivos municipios.
Caso especial é o da cidade de Pontevedra. A coincidencia coa celebración da Media Maratón Cidade de Pontevedra obrigará á Policía Local a redobrar os seus esforzos. Entre as 09.30 e as 13.30 horas, non se poderá circular en coche por parte do centro, nin mover os que estean aparcados. As persoas que necesiten ir votar durante esas horas e teñan movilidad reducida terán que poñerse en contacto coa Policía Local.