Din ao xuíz que se inventaron "toda una película" sobre unha rede que introducía coca polo Porto de Marín
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra iniciou este martes o xuízo contra cinco acusados aos que o fiscal antidroga, Luis Uriarte, acusa de pertencer a "un grupo organizado dedicado á introdución de cocaína en España" e pide penas que suman 53 anos de prisión.
Na súa declaración ante o tribunal cada un dos acusados rexeitou a súa participación coa chegada ao porto de Marín dunha partida de droga procedente de Sudamérica.
Nas cuestións previas do xuízo as defensas dos acusados pediron a nulidade de todas as escoitas telefónicas ao entender que "los pinchazos no estaban justificados". Mesmo un dos letrados renunciou á defensa do seu cliente "por incompatibilidades personales". Estas dúas cuestións foron rexeitadas pola Sala.
Entre os acusados encóntrase Dionisio Lago Benavides, de 49 anos, quen fora cabo da Garda Civil de Rodeiro, e o seu amigo Manuel González Pérez, de 55. Ambos os dous dixeron que se inventara "toda la película" durante a súa estanza en prisión "para contentar a los del Greco y a la jueza" que, segundo dixo Dionisio "solo querían que inculpáramos a un tal Paco, el sordo", que sería o suposto líder de toda a rede. "Nos dijeron que si colaborábamos nos dejaban en libertad", insistiu Manuel.
Estes dous procesados, Dionisio e Manuel, despois da detención, recoñeceron ante as Autoridades a súa participación nos feitos proporcionando datos para a identificación e incriminación doutros membros da organización.
"Los palés con la droga llegaban al puerto de Marín a través de la empresa Fruport. Por lo menos una vez al mes".
Segundo esta primeira versión ofrecida no xulgado "con todo lujo de detalles" e que hoxe dixeron que era "totalmente inventada", cada un dos procesados desempeñaba "una labor concreta y determinada dentro del grupo", Dionisio era o encargado de recibir a orde de destino con "los palés con la droga que llegaban al puerto de Marín a través de la empresa Fruport. Por lo menos una vez al mes. El chino se encargaba de retirarla. Era una vía segura para meter la droga", declarara naquela ocasión.
Aos acusados o fiscal acúsalles pola súa presunta participación no tráfico de 57 quilos de cocaína, dos cales 7 foron confiscados no porto de Marín e o resto por un erro dos narcos "ao confundir os palés" incautáronse en Varsovia (Polonia).
No banco dos acusados sentouse tamén o tío do exgarda civil Benjamín B.I. de 61 anos, Geofrey Palomata, alcume "el chino" de nacionalidade filipina e Julio Casino Escriche, un coñecido narcotraficante afincado en Barcelona que foi condenado con anterioridade a 11 anos de prisión por outro delito de tráfico de drogas.
Tan só "el chino" recoñeceu que foi contratado para acudir ao porto de Marín "a recoger un paquete importante" pero que non sabía de que se trataba. O resto negaron a súa participación nos feitos.
A pesar da investigación das Forzas e Corpos de seguridade do Estado, únicamente puideron ser identificados algúns dos membros deste grupo organizado e aínda que aparecen referidos durante todo o proceso os nomes de Eusebio, Carlos e Paco "el sordo" non figuran entre os acusados. O xuizo retomarase este mércores 19 de xuño.
Relacionadas:
-
31 anos de cárcere para catro acusados de introducir droga a través do porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
O grupo que introduciu coca polo porto de Marín "aprovechó la fiesta de Cantodarea para pasar desapercibidos"
Por Natalia Puga |
-
Fiscalía solicita 53 anos de cárcere para unha rede que introducía cocaína a través do porto de Marín
Por Oskar Viéitez |