Soffritto gana a Il Piccolo
Por Redacción
Soffritto Italian Grill, un restaurante situado en Newark, na área metropolitana de Nova York, impúxose como o mellor italiano situado fóra das fronteiras de Italia. Competía co pontevedrés Il Piccolo e con outros tres locais de Australia, Ecuador e os Emiratos Árabes e na gala celebrada na noite do mércores en Roma erixiuse como gañador.
Il Piccolo era o único restaurante europeo que entraba entre os cinco seleccionados como mellor italiano do mundo e malia que finalmente non puido conseguir o galardón concedido por Ospitalitá Italiana segue ostentando o título de mellor negocio de comida italiana en Europa, co que se fixo en 2012.
A sétima edición da cerimonia celebrouse en Horti Sallustiani, en Roma, e puido seguirse por streaming na páxina web oficial de Premio Ospitalità Italiana e aínda pode verse a repetición. Nela, o propieatrio de Il Piccolo, Francesco Ianelli, explica as bondades do local situado na rúa Virxe do Camiño xunto aos donos de Soffritto Italian Grill, Riviera de Guayaquil (en Quito-Ecuador), Italian Pantry de North Hobart (en Melbourne Australia) ou Certo de Dubai (Emiratos Árabes).
Con este premio, Italia busca recoñecer ao mellor restaurante do mundo no exterior que garante os estándares, calidade de servizos e produtos da hospitalidade italiana. E tras unha detallada e precisa selección internacional de candidatos de países dos cinco continentes, o establecemento pontevedrés quedou como un dos cinco finalistas.
Xa en 2012, Ospitalitá Italiana recoñeceu coa Q de calidade a este restaurante de Pontevedra, por ser un comprometido embaixador en Galicia, España e Europa de promoción das tradicións agroalimentarias das distintas rexións italianas.
Cunha experiencia de máis de 30 anos en restaurantes de Italia, Inglaterra, Francia e Portugal, o restaurante italiano Il Piccolo cumpriu xa 15 anos de frutífera e brillante actividade gastronómica en Pontevedra, promovendo permanentemente a cidade do Lérez en diversos ámbitos e foros.
Relacionadas:
-
Congratulazioni Francesco, novo recoñecemento do restaurante Il Piccolo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un 'show cooking' italiano con moito sabor galego
Por Redacción |
-
Il Piccolo compite con restaurantes de Nueva York, Quito, Dubai e Melbourne por ser o 'mellor italiano' do mundo
Por Redacción |