O Concello di investir nos colexios "o dobre que a Xunta de Galicia"
Por Redacción
O concelleiro de Educación del Concello de Pontevedra, Agustín Fernández, analizou este xoves os datos sobre os investimentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante as anualidades de 2011 e 2012 nos colexios públicos del municipio.
Segundo o edil este datos obxectivos reflicten que a Xunta investiu 689.480 euros, "máis ou menos a metade" do que a Concellería de Educación investiu nestas dúas anualidades, un total de 1.228.768 euros, é dicir, Agustín Fernández recalca que "trátase dunha diferencia escandalosa, dado que ao Concello tan só lle compete o deber legal de mantemento ordinario dos centros, mentres que o capítulo de obras é competencia exclusiva da Xunta".
Agustín Fernández lembrou que a principios deste mandato ofreceu á Xunta a posibilidade de asinar un convenio a varios anos para a optimización do investimento nos colexios, a razón dun reparto económico dun 60% para a Xunta e un 40% para a Concellería. "Vistas as cifras oficiais, está claro por que a Xunta fixo ouvidos xordos", recalca o concelleiro.
A diferencia no volume de investimento nestas dúas últimas anualidades sería moito maior de non terse en conta o gasto que se está a facer na primeira fase das obras do colexio Froébel (o investimento autonómico máis avultado dos últimos anos, con 515.039 euros). "Estas obras aínda non están rematadas, polo que resulta inapropiado imputalas integramente ao orzamento de 2012", opina Fernández.
Ademais do Froébel, a Consellería tan só fixo no ano 2012 pequenas actuacións valoradas en pouco máis de 77.000 euros, limitadas a tres colexios.
Na mesma anualidade, o Concello actuou especificamente nos colexios de Barcelos, Cabanas (Salcedo), San Martiño (Salcedo), Fina Casalderrey, Xunqueira I, Xunqueira II, Manuel Vidal Portela, Vilaverde (Mourente), Concepción Crespo Rivas, Santo André de Xeve, Campolongo, Marcos da Portela, Marcón, Verducido, Parada (Campañó), Froébel, San Bieito de Lérez, Ponte Sampaio, A Carballeira (Lourizán) e Álvarez Limeses, "asumindo en todos os casos actuacións impropias e competencia legal da Xunta de Galicia".
Finalmente, o concelleiro de Educación lembra que a este "incumprimento sistemático nas obrigas legais respecto das obras nos colexios" hai que engadir "o incumprimento da promesa de construción do colexio de Valdecorvos, realizada reiteradamente polo actual conselleiro en distintos foros, entre eles, o propio Parlamento de Galicia".