A UIMP e a Deputación organizan cursos de verán sobre cine, antropoloxía e sociedade rural
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) ofrecen este verán cinco cursos diferentes en concellos da provincia. As actividades celebraranse en Pontevedra, Lalín, Gondomar, Cambados e Vigo.
O obradoiro sobre 'Animación Cinematográfica Stop Motion' con obxectos e plastilina, abrirá o ciclo de actividades no Museo de Pontevedra. Trátase dunha nova edición que se celebrará entre o 1 e o 5 de xullo, co obxectivo de iniciar ós alumnos no proceso de rodaxe fotograma a fotograma e que os alumnos produzan a súa propia peza. Baixo a dirección de Virginia Curiá e Tomas Conde (de Algarabía Animación), os participantes se achegarán a un dos sectores punteiros de Galicia como é o da animación.
A programación de xullo ofrecerá dous cursos. O primeiro terá lugar entre o 2 e o 4 de xullo no Pazo Provincial da Deputación; un encontro sobre a 'Xestión sostible dos residuos urbanos; beneficios ambientais, económicos e sociais' que tentará trasladar pautas de concienciación social para a xestión dos desfeitos urbanos da man do Presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), Luís Lamas Novo.
A seguinte cita desenvolverase o 9 e 10 de xullo no Museo Etnográfico e do Viño de Cambados. O 'Encontro: Etnografía e antropoloxía. Costumes e tradicións cambadesas' profundizará na historia e raíces da vila a través da intervención de diversos profesores e visitas guiadas.
En setembro, o encontro 'Alta velocidade ferroviarria en Galicia' achegará no Museo do Mar de Vigo do 23 ó 25 de setembro, as consecuencias da implantación da alta velocidade a Galicia a profesionais da xeografía, arquitectura, economía e enxeñería.
En Lalín o curso será 'Encontro: A terra en Galicia. Pasado, presente e futuro' do 30 de setembro ó 2 de outubro e en Gondomar celebrarase do 3 ó 5 e outubro a actividade 'A explotación multifuncional do monte; contribución ó desenvolvemento rural'. Ambos abordarán temática sobre a sociedade rural galega, dinámicas produtivas, sociais e políticas.