Reforzan o firme de catro estradas pontevedresas para garantir a seguridade viaria
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, licita o proxecto de reforzo do firme de varios treitos en estradas da provincia de Pontevedra para mellorar a seguridade viaria nestas vías.
Concretamente, acometeranse actuacións en treitos puntuais dos viais Ponte Bora-San Antoniño (PO-224), Sanxenxo-Vilalonga (PO-504), Vilagarcía de Arousa-Cambados (PO-549) e Cambados-A Lanzada (PO-550).
As actuacións proxectadas están motivadas polos importantes deterioros en varios treitos das vias. A Xunta de Galicia fará unha achega de máis de 361.000 euros para levar a cabo os arranxos necesarios nestas infraestruturas viarias.
Estes traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, benefician a máis de 130.000 habitantes de Sanxenxo, Meaño, Cambados, Vilanova de Arousa e Pontevedra.
As accións incluídas no presente proxecto pretenden conservar e mellorar as características funcionais, a seguridade da vía e a comodidade dos usuarios das estradas citadas. As obras consistirán, basicamente, no selado de fisuras, fresado e reposición do pavemento actual, limpeza de cunetas e pintada dos viais.