Denuncian que a Xunta retira "toda subvención" aos voluntarios de Protección Civil de Pontevedra
Por Redacción
A Xunta de Galicia acaba de deixar fóra da convocatoria das subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil a do Concello de Pontevedra. Así o recolle, segundo denuncia o goberno municipal, o Diario Oficial de Galicia do pasado 3 de xuño. Nel publícase a convocatoria da Consellería de Presidencia só para concellos menores de 50.000 habitantes, polo que na provincia quedan fóra Pontevedra e Vigo.
Desde a Concellaría de Protección Cidadá, que xestiona Carme da Silva, lémbrase que na última convocatoria, a de 2012, a agrupación de Pontevedra percibiu 3.248,18 euros. Trátase dunha "contía anecdótica" nos máis de 50.000 euros que destina o Concello de Pontevedra para o funcionamento corrente anual de Protección Civil.
Eran "pouco máis" de 3.000 euros que servían para cubrir o gasto corrente dos voluntarios desta agrupación no concello. Unha cantidade, sinala Carme da Silva, "suficientemente relevante para amosar o respaldo e recoñecemento público do Goberno autonómico a un labor totalmente altruísta deste voluntariado, cun papel fundamental na organización de eventos e de colaboración nas emerxencias da sociedade dentro e fora do concello de Pontevedra".
Por iso, o Concello de Pontevedra critica as prácticas da Xunta de Galicia "á hora de administrar á miseria" e lamenta, especialmente, á actitude do conselleiro, Alfonso Rueda, do que recordan a súa orixe pontevedresa, "ao aforrar pouco máis de 6.000 euros entre as cidades de Pontevedra e Vigo".
APOSTASE POR UN "REPARTO MAIS RACIONAL", DI A XUNTA
Ao respecto desta decisión, desde a Consellería de Presidencia explicaron a PontevedraViva que esta decisión de limitar as subvencións ás agrupacións de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes, enmárcase dentro do obxectivo de facer un reparto "máis racional e obxectivo" dos fondos dispoñibles, "en favor dos concellos máis pequenos". Este criterio deixará fóra ás sete grandes cidades galegas "que contan con recursos suficientes para asumir o custo deste servicio".