Os tres días máis temidos para 991 estudantes pontevedreses
Por Mónica Patxot
Antonio Machado ou García Marquez. Rosa Monteiro ou Manuel de Castro. As eleccións non son doadas, pero 991 alumnos de bacharelato da bisbarra de Pontevedra tiveron que decantarse por unha ou outra opción. Aconteceu este mércores durante o primeiro exame das Probas de Acceso á Universidade (PAU), a temida Selectividade, que se prolongarán ata o próximo venres.
As probas comezaron ás 10.00 horas co exame de Lingua Castelá e Literatura II, no que, como é costume, os alumnos tiveron dúas opcións para elixir.
No caso da proba de lingua, ambas as dúas opcións estaban moi marcadas pola actualidade. O exame A presentou para a análise un artigo escrito por Rosa Montero para o diario El País entorno á crise económica e o B un texto de Manuel de Castro sobre a corrupción e o caso concreto da dopaxe de Lance Armstrong. Todos os alumnos, independentemente da opcion pola que se decantaron, tiveron que responder a cuestións léxicas e gramaticais e redactar un comentario crítico.
En literatura os protagonistas da opción A foron o simbolismo de Antonio Machado en Campos de Castilla ou a narrativa hispanoamericana de segunda metade do século XX. Na B, os alumnos tiveron que demostrar os seus coñecementos sobre a Crónica de una muerte anunciada de Gabriel García Márquez ou os protagonistas do grupo poético do 27.
Historia de España e Historia da Filosofía pola mañá e Lingua Galega e Literatura e lingua estranxeira pola tarde completaron a xornada de exames, que no caso de Pontevedra se desenvolven na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na escola de Enxeñería Técnica de Forestais e no colexio Santiago Apóstolo da ONCE.
Os que se congregarán ata o venres nestes tres centros son alumnos dos concellos de Pontevedra, Cambados, Marín, Sanxenxo, Bueu, Forcarei, Carril (Vilagarcía), O Grove, Vilanova de Arousa, Ponte Caldelas, A Illa de Arousa e un estudante do centro de educación de adultos Nelson Mandela do centro penitenciario da Lama.
A selectividade supón un 40% da nota que necesitan para estudar a carreira que queren. O expediente de bacharelato suma o outro 60% ata alcanzar un máximo de 10 puntos. ÿ posible acceder a unha proba de mellora coas materias optativas, que pode subir a nota ata catro puntos.