Mosquera acusa a Lalín de "interferir" na negociación entre Salcedo e a Brilat cunha oferta "sen visos de saída"
Por Alejandro Espiño
A oferta do alcalde de Lalín, José Crespo, de ceder gratuitamente os terreos necesarios para acoller o cuartel da Brilat se finalmente abandonan Pontevedra, "non ten visos de saída" segundo o goberno municipal. Así o asegurou este luns o concelleiro César Mosquera, que pediu ao rexedor lalinense, e por extensión a todo o Partido Popular, que deixen de "interferir" nas negociacións entre os comuneiros de Salcedo e o Ministerio de Defensa.
Asegura Mosquera que se trata dunha proposta "moi inoportuna por parte do PP", xa que entende que pode dificultar aínda máis as conversacións entre ambas partes. Recordou que o mesmo pasou cando se empezou a falar do suposto traslado de Ence "que saíron alcaldes de todas partes ofrecendo terreos" e por iso pediu ao Partido Popular que cese na súa estratexia, "antes de que sigan chamando a máis alcaldes para que se ofrezan".
"Houbo unha época no que desde o PP local se recurría ao primo de Zumosol do Salnés", ironizou o concelleiro nacionalista, ao recordar a "interferencia" de Rafael Louzán, Telmo Martín ou do "minidelegado" José Manuel Cores Tourís na política municipal. "E agora que esa vía se lles agotou veñen os do Deza", dixo, en referencia ás últimas aparicións en Pontevedra de Román Rodríguez, José Campos e, agora, José Crespo.
Con respecto ao futuro da Brilat en Pontevedra, César Mosquera descartou que Defensa vaia a buscar unha nova ubicación para a súa base militar. Explicou que manexan dúas posibilidades. Ou ben se queda onde están "que é a opción maioritaria", ou abandonan Pontevedra para instalarse nun cuartel xa existente ou para desmantelar a brigada. E recordou que todo este conflito foi provocado por Defensa "provocando aos comuneiros de Salcedo".
En todo caso, o concelleiro nacionalista explicou que, polo momento, o Concello de Pontevedra "non se vai meter nesta negociación a dúas bandas". Mostrouse convencido de que chegará a un acordo para a permanencia da Brilat en Pontevedra, aínda que afirmou que "se fai falta que actuemos como mediadores, farémolo".
Malia todo iso, Mosquera afirmou que o futuro da Brilat non depende "para nada" destas negociacións. Asegurou que os comuneiros serán "suficientemente razonables" para chegar a un acordo satisfactorio para ambas partes, polo que sinalou que se a Brilat abandona Pontevedra "será por outros motivos", entre os que citou a redución de custos por parte do Ministerio de Defensa.