O sector das panaderías prepara unha convocatoria de folga
Por Redacción
Os traballadores de panaderías e confiterías da provincia de Pontevedra acordaron en asemblea iniciar un calendario de mobilizacións.
Unha vez valorada a postura firme de patronal de recortar as melloras máis importantes acadadas nos últimos 30 anos no convenio colectivo, os traballadores deste sector decidiron protestar na rúa "en defensa dunhas condicións laborais dignas".
A primeira destas mobilizacións terá lugar diante da sede da patronal (APROINPA) na rúa II República de Vigo o vindeiro 11 de xuño ás 18.30 horas. Logo está convocada outra concentración na Inspección de Traballo o 18 de xuño ás 17.00 horas coincidindo coa xuntanza da mesa negociadora coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. "Se a cousa non se amaña" e tras a reunión a patronal "continúa coa súa actitude intransixente" haberá convocatoria de folga.
Segundo trasladan as tres centrais sindicais CIG, Comisións Obreiras e UXT, a patronal pretende unha conxelación salarial, eliminar o 100% no caso de baixa por enfermidade, obriga de traballar domingos e festivos co salario dun día normal e eliminar os dous días de libre disposición, entre outras medidas.
O convenio afecta a máis de 10.000 traballadores na provincia de Pontevedra.
A duración do convenio anterior era até o 31 de decembro do 2011. O motivo da demora na súa renovación, segundo estas mesmas fontes sindicais, foi a negativa da patronal a sentarse a negociar "a intención da patronal é que o convenio decaia e que os empregados do sector pasen a cobrar polo Estatuto do Traballador, o que significa un 30% menos de salario".
Relacionadas:
-
Convocados tres días de folga das panaderías na provincia de Pontevedra
Por Redacción |
-
Convocan mobilizacións no sector de panaderías de Pontevedra ante a falta de convenio
Por Redacción |
-
Os representantes sindicais ameazan con protestas nas panaderías tras romperse a negociación do convenio
Por Anxo Lourido |