Os comuneiros critican a posta en marcha de brigadas municipais para extinción de lumes
Por Redacción
Os comuneros critican a falta de previsión por parte da Consellería de Medio Rural e Mar para a extinción dos incendios forestais. Segundo sinalan, o Plan de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (PLADIGA) non se modifica de ano en ano. Reclaman que se realicen campañas de sensibilización e información social e denuncian a recuperación das Brigadas municipais. Segundo comentaba o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, as persoas que forman parte destas brigadas "non teñen formación nin material nin coñecementos técnicos".
Pereira mostrou a súa preocupación porque a día de hoxe, os concellos non recibiron instrucións para a apertura do prazo para anotarse ás brigadas co consecuente atraso na configuración destes grupos de control: "No mellor dos casos, as cuadrillas estarán activas a partir de agosto se isto é prevención que veña Deus e o vexa".
Neste mesmo sentido, o vicepresidente da organización, Claudio Quintillán, indicou que "as probas para entrar nas brigadas son moi simples: un certificado médico e unha proba do esforzo nun banco" e lamentou que descoñezan o territorio e o manexo das ferramentas, unha situación que pon os brigadistas ante un grave perigo. "Se a Xunta pretendía abaratar ou ter máis persoal con menos cartos, non pode facer así co risco que supón para o persoal" apuntou Quintillán que atribúe a estas brigadas máis do 50% do persoal que vai ocuparse da extinción de incendios este verán.
Ademais, os representantes dos comuneros denuncian que durante o último ano non se concederon axudas ás comunidades de Montes para realizar funcións de prevención durante o último ano. Xosé Alfredo Pereira sentenciou: "ÿ máis eficaz facer procesións ao santo para que chova que o PLADIGA".