Concello e empresarios colaborarán para explicar a 'licencia express' aos emprendedores
Por Redacción
A ordenanza de Simplificación Administrativa, a denominada 'licencia express' que entrou en vigor o pasado mes de novembro, está a ser un éxito, segundo o Concello de Pontevedra. Un 83% dos expedientes tramitados de acordo coa nova normativa, que elimina a burocracia nas licenzas de negocios inocuos, culminaron axeitadamente. O servizo de Disciplina Urbanística só tivo que propoñer expediente sancionador ao 17% restante.
Pero entre os empresarios hai certa preocupación polos 24 expedientes sancionadores abertos a outros tantos emprendedores por irregularidades nas súas solicitudes. De aí que directivos de AEMPE, AJE e a Cámara de Comercio, mantiveran unha xuntanza co concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, para valorar estes primeiros meses de funcionamento da ordenanza.
Louro e os empresarios coincidiron en que a nova norma é un "importante avance" porque permite abrir un negocio inmediatamente co único requisito de asinar unha declaración de responsabilidades. Fora unha petición unánime das propias asociacións, que ata hai ben pouco queixábanse da lentitude na tramitación das solicitudes, que era igual "para un edificio de 300 vivendas que para un local de 16 metros cadrados".
O edil socialista subliñou que cambia a forma de tramitar as licenzas, pero a documentación esixible é a mesma. A única diferencia é que antes se pedía con anterioridade á apertura do negocio e agora faise a posteriori. Trátase, por tanto, "dunha medida que está de parte dos emprendedores", aos que recordou que se comprometen legalmente a dispor dos documentos que aparecen reflectidos no mesmo impreso, xusto enriba da súa sinatura. O cumprimento desta circunstancia é o que verifica a inspección municipal.
En todo caso, a Concellería de Urbanismo está disposta a estudar, caso por caso, cada unha das 24 propostas de sanción. De tódolos xeitos, advertiu Louro, a ordenanza está para cumprila e, "como todo mundo pode entender, o Concello non pode aprobar unha norma e logo pedirlle aos técnicos que non a apliquen", xa que entende que non facelo así "sería tamén inxusto para o 83% dos emprendedores que fixeron as cousas ben".
XORNADA INFORMATIVA
Para mellorar o grao de comprensión desta ordenanza, o Concello de Pontevedra e as asociacións de empresarios colaborarán, segundo explicou José María Corujo, presidente de AEMPE, na organización dunha xornada informativa para seguir afondando na difusión pública das características da normativa que regula as licenzas express, ao entender que a moitos dos seus asociados "les falta información".
A pesar desta preocupación polas sancións, o presidente de AEMPE sinalou que esta ordenanza "es mucho menos exigente que las anteriores" e celebrou que se axilizara a tramitación das licencias necesarias para que os emprendedores "se puedan establecer lo antes posible".