Os sindicatos ven positivo o descenso do paro pero relaciónano con empregos precarios
Por Redacción
Os tres sindicatos consideran que a baixada no desemprego na bisbarra é positiva. Pero todos coinciden nos matices. Indican que marzo sempre ofrece un aumento do número de contratacións con motivo da chegada do verán. E, neste caso, o que máis lles preocupa é a precariedade da maioría dos 3.241 novos postos de traballo.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, é claro e responsabiliza á reforma laboral do bo e do malo deste descenso do paro: "vamos ter picos de contratación e picos de despedimento. O empresario, o contratante, o "amo" determina as normas e, agora, os traballadores teñen que aceptar as condicións por malas que sexan".
Neste sentido tamén maniféstase o secretario comarcal de CIG, Rafael Iglesias: "non soluciona nada porque todo é temporal. Son contratos de pouco tempo".
José Luis García Pedrosa, máximo responsable comarcal de CC.OO., profundiza en que "o que se está abaratando é a man de obra para que se xenere algo máis de emprego pero con esta contía de salarios non hai maneira de establecer un bo índice de consumo".
García Pedrosa apunta a que o dato de mellora "temos que velo ao final. Aí poderá determinarse se supón un inicio de recuperación ou é porque entramos neste período. Se empeza esta recuperación, os distintos organismos internacionais e o goberno non prevén unha recuperación do emprego. Agárdase que se sitúe no 26 % cando se está no 27%".
Un dos sectores nos que se producíu un incremento de contratacións é o da construción pero, Ramón Vidal, sinala que: "o que hai son pequenas reparacións, tellados, muros... Cada vez as contratacións que se fan son máis pequenas: amáñase o necesario e imprescindible. Antes tiñas o cobertizo para poñer unha mesa e tomar o churrasco. Agora fas o contrario, montas un establo pequeno para meter o porquiño".