A baixa natalidade deixa prazas libres en Educación Infantil e descarta definitivamente o novo colexio de Valdecorvos
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez
Por primeira vez en moitos anos os colexios pontevedreses viven unha situación inédita ao sobrar prazas no primeiro curso de Educación Infantil, a partir de tres anos. ÿ o resultado dun baby crack que Pontevedra viviu en 2010, supostamente vinculado aos primeiros efectos da crise económica.
En 2009 as parellas pontevedras empezaron a pensarllo dúas veces antes de ter fillos. En 2010, ano no que naceron estes cativos cuxos pais se viron encirrados pola recesión económica, a natalidade caeu e houbo no concello 797 partos.
Unha cifra que demostra o descenso da natalidade, pero que non se deixou notar ata que este 2013 eses nenos tiveron que ser matriculados para empezar a súa etapa de Educación Infantil. Non se cubriron as prazas ofertadas pola Xunta de Galicia para esa etapa educativa. Esta realidade tivo outra consecuencia directa: fai prescindir de forma definitiva do proxecto para dotar a Pontevedra dun novo colexio para cubrir as necesidades educativas: Valdecorvos.
Segundo as cifras oficiais facilitadas pola delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, na capital ofertáronse para o próximo curso académico 983 prazas para primeiro curso de Educación Infantil e 159 non se cubriron. Os pontevedreses formalizaron 824 solicitudes en prazo e forma para matricular os seus fillos de tres anos nalgún dos 22 centros públicos do concello que ofertan esta etapa educativa.
A baixa natalidade tamén se notou na alta porcentaxe de pais que lograron que os seus fillos entrasen no centro educativo que quería. Así, das 824 solicitudes formalizadas, o 93,20%, 768 nenos, entraron no centro solicitado en primeiro lugar.
Dos 22 centros educativos de Infantil e Primaria de Ponevedra, oito tiveron máis solicitudes que oferta. O que tivo que deixar a máis alumnos sen praza foi o CEIP Álvarez Limeses, no que non puideron entrar 15 escolares que estableceran na súa lista de preferencias este colexio en primeiro lugar. Dez alumnos quedaron fóra no CEIP Vilaverde da parroquia de Mourente e nove no EEI Concepción Crespo Rivas.
Máis rechamante resulta o cómputo de colexios nos que non chegaron a cubrirse todas as prazas ofertadas, por tratarse de centros situados no centro da cidade. Así, en Barcelos quedan 26 prazas libres; no Vidal Portela, 23; e na Xunqueira I e II, 14 en cada un.
Pérez Ares: "o que din algúns de facer un novo centro en Valdecorvos é non coñecer a realidade educativa da cidade"
O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, baséase neses datos para xustificar que a Xunta de Galicia non siga apostando por construír un novo centro educativo na área Leste de Pontevedra, que chegou a estar incluído nos presupostos autonómicos.
"Estes datos veñen a demostrar a baixada da natalidade. Deste xeito, queda confirmado que non é necesario, nestes intres, a construción dun novo centro educativo na periferia", indica ao respecto. Na súa opinión, "o que din algúns de facer un novo centro en Valdecorvos é non coñecer a realidade educativa da cidade".
Descartado o novo colexio, Pérez Ares anuncia que o obxectivo de cara ao futuro na cidade de Pontevedra pasa por mellorar o Vidal Portela e poñer en funcionamento unha planta máis, na actualidade sen uso, non CEIP Príncipe Felipe.