"Recicletas", un obradoiro para fomentar a recuperación de bicicletas antigas
Por Redacción
A Concellaría de Benestar Social pon en marcha o vindeiro 12 de xuño o programa "Recicletas", o primeiro obradoiro de recuperación de bicicletas co obxecto de que os usuarios teñan uns coñecementos mínimos de formación para o mantemento básico da bici nas súas casas, dado o importante incremento deste transporte na cidade.
O obradoiro impartirase todos os mércores, na sala grande da Casa Azul, dende o 12 de xuño ata o 17 de xullo, empregando bicicletas do antigo servizo de Pillabici. A inscrición comezará este martes 4 de xuño e manterase ata o xoves. As persoas interesadas poderán chamar á Casa Azul, no teléfono 986 851489 de 09.00 a 14.00 horas, ou descargar a documentación da páxina web do Concello de Pontevedra.
Ofértanse 20 prazas para este obradoiro: dez son individuais e outras dez son prazas dobles, é dicir, poden inscribirse un adulto acompañado dun menor de máis de 12 anos. Estas prazas tamén están abertas a persoas con discapacidade e un acompañante. O 30% das prazas están reservadas para os usuarios de Servizos Sociais.
As bicicletas reparadas neste obradoiro entregaránselle á Universidade para o uso por parte dos estudiantes Erasmus.
Trátase dun primeiro obradoiro dirixido pola Concellaría de Benestar que pretende ter futuro noutras edicións en coordinación coa área da Concellaría de Mobilidade que dirixe Miguel Filgueira, xa que un dos obxectivos deste programa é fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte na cidade e tamén acadar unha formación complementaria.