O parking da Praza de Abastos pasa a mans de Novagalicia Banco
Por Alejandro Espiño
Novagalicia Banco executou a hipoteca que pesaba sobre o aparcamento subterráneo da Praza de Abastos de Pontevedra. A súa adxudicataria, a empresa Urbanor, unha das filiais do Grupo Indeza, debíalle 794.000 euros polo impago das tres hipotecas que pesaban sobre este contrato público. Así o desvelou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
A Xunta de Goberno tomou coñecemento desta decisión que, segundo matizou o edil nacionalista, non afecta á propiedade do aparcamento, que segue sendo do Concello de Pontevedra, senón tan só ao seu contrato de adxudicación. Este parking foi cedido en 1999, mediante concesión, á empresa Urbanor por un prazo de 50 anos, un contrato que agora herda Novagalicia Banco.
Desde este momento, o servizo do aparcamento explotarao directamente Novagalicia Banco, polo menos ata que transmita este contrato a unha terceira empresa. En todo caso, o Concello de Pontevedra estará atento a todo este proceso, porque segundo Raimundo González, esta nova adxudicataria "terá que cumprir os requisitos necesarios que se recollían para a primeira adxudicación deste aparcamento".
Así se logrará, dixo o portavoz municipal, que non se faga cargo do mesmo, unha empresa "que non teña experiencia" neste ámbito de negocio.
RENOVACION DO CONVENIO COA FANPA
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou este luns a prórroga do convenio entre o Concello de Pontevedra e FANPA. Amplíase un ano máis este acordo, por un importe global de 261.625 euros, para o desenvolvemento de actividades complementarias educativas durante o ano 2013. Entre eles, financiarase o servizo de comedores escolares, o Plan Madruga e outras actividades como as ludotecas de verán e Nadal.