A Axencia Tributaria de Galicia e o ORAL compartirán información tributaria dos pontevedreses
Por Oskar Viéitez
A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) vai colaborar coa Deputación de Pontevedra na cesión de información de carácter tributario a través de sistemas telemáticos. Así o explicou este luns a conselleira de Facenda e presidenta da ATRIGA, Elena Muñoz, durante o acto de sinatura do convenio de colaboración co organismo provincial, representado polo seu presidente, Rafael Louzán.
Segundo explicou Muñoz Fonteriz, o acordo permitiralle ao Organismo de recaudación de la administración local (ORAL), dependente da Deputación de Pontevedra, obter directamente da Axencia Tributaria de Galicia toda aquela información de tipo económico que precise para a concesión de subvencións, axudas ou para efectuar todo tipo de contratación de particulares.
Deste xeito, o organismo provincial poderá acceder a esta documentación sen necesidade de pedirlla aos contribuíntes, o que facilitará toda a tramitación dos expedientes. "A partir de agora esta información vai ser subministrada directamente á Deputación de Pontevedra pola Xunta de Galicia; é dicir, xa non se lle vai requirir aos cidadáns", explicou a conselleira de Facenda.
Ademais, este convenio enmárcase dentro da liña de actuación seguida por ambas as dúas administracións á hora de facilitar a realización de xestións e trámites burocráticos a todos os cidadáns. "Acadar un funcionamento máis áxil, máis eficaz e menos burocrático é un dos principais desafíos aos que se enfronta calquera Administración na actualidade", destacou Elena Muñoz "ao tempo que garante o seu acerto dada a fiabilidade máxima" dos datos obtidos por vía telemática.
Terá que contar coa autorización expresa do interesado
O subministro de información entre as dúas administracións, terá que contar coa autorización expresa do interesado "abondará con que cubran un documento polo que autorizan a cesión de datos" respectando os dereitos fundamentais dos cidadáns e a protección de datos persoais recollidos pola Constitución Española e a Ley de Protección de Datos.
O convenio subscrito este luns é o que primeiro destas características que asina a Axencia Tributaria de Galicia coas deputacións. O obxectivo da Consellería de Facenda é estender este convenio aos outros organismos provinciais.