Desvalixan a tenda de roupa Dakota, na rúa Antón Fraguas
Por Diego Espiño
De novo un comercio pontevedrés sufriu a acción dos cacos, nesta ocasión a tenda de roupa Dakota, situada na rúa Antón Fraguas, moi preto do Hospital Provincial.
Os ladróns accederon á tenda na noite do luns 27 ao martes 28 realizando un butrón dende un dos locais contiguos ao comercio, un baixo que se encontra baleiro, apropiándose de pezas de roupa que unha vez contabilizadas suman un valor de 20.000 euros, segundo a propia propietaria do establecemento, "se llevaron lo más caro de la tienda, fueron directamente a por las tres mejores marcas que tenemos: Desigual, Salsa Jeans y Eight-Sin. Sabían perfectamente lo que cogían porque dejaron prendas intercaladas".
Ademais da roupa exposta, os malechores tamén desvalixaron o almacén do comercio, deixando intacto o escaparate para non dar pistas do sucedido ata que á hora de apertura, na mañá do martes, a dona do local chegou ao lugar.
Agora a esperanza da propietaria céntrase en poder percibir unha contraprestación económica para poder encargar nova mercadoría, "lo único que nos mantiene en pie es la esperanza de que el seguro se haga cargo, aunque la sensación de abrir la tienda y verla así no me la va a quitar nadie en mucho tiempo".