Pontevedra "sálvase" dos recortes en Renfe e tan só se reducirán as paradas no Campus
Por Alejandro Espiño
O recorte dos servizos que Renfe aplicará en Galicia non será tan drástico como se recollía no informe realizado pola consultora Ineco para o Ministerio de Fomento. Así o é, polo menos, para os intereses da cidade de Pontevedra. A capital tan só verá reducida as paradas no apeadeiro do Campus, ao ter menos de cinco pasaxeiros ao día. Fronte aos seis trens que paraban diariamente alí, pasará a facelo tan só dous, un en cada sentido A Coruña-Vigo.
Dito informe detectaba case medio cento de liñas ineficientes e deficitarias, propoñendo eliminar traxectos de media distancia e reducir un 32% a súa oferta. E a maior preocupación en Pontevedra era que mentres o traxecto A Coruña-Vigo e Santiago-Vigo eran considerados como eficientes, ao contar cunha ocupación media do 48,2% e 21,2%, respectivamente; os trens entre Pontevedra e Vigo recibían a cualificación de dubidosa eficiencia.
Todo porque a ocupación das liñas entre as dúas principais cidades da provincia é dun 18% de media. Pero o máis grave é que algunha das súas frecuencias quedaba por baixo do 15% de ocupación, a barreira na que, segundo Ineco, esa liña pasa a ser ineficiente e deficitaria. Pero segundo confirmaron a PontevedraViva desde o sindicato CGT, polo momento non se reducirán frecuencias entre Pontevedra e Vigo.
Desde esta central sindical, especialmente polos recortes en liñas como Vigo-Ourense ou A Coruña-Ferrol, criticou esta medida de Renfe aplicará desde o próximo 2 de xuño, xa que aseguran que a empresa elimina servizos ferroviarios galegos "mentres aumenta os de Longa Distancia con Madrid". Ademais, lamentan os cambios de horarios nos trens de media distancia "que van a levar consigo que eses trens perdan viaxeiros".
Consideran que os recortes do Ministerio de Fomento supoñen unha "importante" redución de servizos ferroviarios "especialmente paras zonas rurais mais illadas da Galicia interior, onde os pobos e aldeas terán aínda menos servizos dos xa de por si minguados servizos públicos". Non entenden, din nun comunicado, que se eliminen paradas en estacións, "xa que ata agora estas estacións con pouca demanda teñen as paradas facultativas, de tal xeito que si non hai viaxeiros o tren xa non para, polo que o aforro de cartos e tempo é mínimo".
Ademais, tendo en conta que ditos cambios aplicaranse desde este domingo 2 de xuño, CGT asegura que non se pode entender que a 48 horas da entrada en servizo dos novos horarios e da supresión de paradas, "os viaxeiros aínda non teñan información dos trocos que vanse facer nos trens de Media Distancia, mais cando dependen destes trens para ir a traballar ou para ir a citas médicas ou administrativas xa concertadas".
En todo caso, a redución destas liñas de Renfe en Galicia verase compensada, en certo xeito, cos novos servizos dos trens ALVIA que unen a comunidade con Madrid e que terá novas frecuencias en Pontevedra, Vigo, A Coruña e Ferrol. No caso de Pontevedra sairá en dirección á capital de España ás 7.40 horas, chegando a Madrid sobre as 14.40 horas. A viaxe inversa sairá ás 7.20 horas e parará en Pontevedra sobre as 14.05 horas. Haberá ademais un segundo tren desde Pontevedra ás 14.42 horas e desde Madrid, que sairá contra as tres da tarde.