Fernández Lores premiado como un dos cinco mellores alcaldes de España
Por Oskar Viéitez
Miguel Anxo Fernández Lores recibiu o Premio Nacional Pablo de Tarso que outorga ao mellor alcalde o Instituto Mexicano de Avaliación (IMDE) en alianza coa Universidade Pontificia de Salamanca.
O concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, comunicou este xoves a concesión do galardón "Apóstol San Pablo" que se outorga aos mellores gobernantes de Iberoamérica pola súa contribución ao desenvolvemento do seu país a través dunha boa xestión pública.
Segundo a resolución do IMDE a concesión do premio a Fernández Lores responde a "un goberno que coida os seus fondos máis que si fosen privados, con finanzas saneadas e superávit real", ademais do "saneamento dos seus ríos" ou a creación de "máis de corenta quilómetros de camiños peonís paralelos ao río", cita tamén a recuperación "da illa urbana e dos humedais" ou ser un municipio distinguido pola Unicef como Amigo da infancia, "por privilexiar a mobilidade peonil e en bicicleta fronte á motorizada".
Tras agradecer o premio, desde o consistorio declinaron asistir á cerimonia de entrega do galardón polo alto custo económico que suporía a viaxe ata Cidade de México, onde se celebrará a Cerimonia de entrega dos galardóns o próximo 5 de xullo. O prezo da viaxe foi estimado nuns catro mil euros por persoa.
Mosquera explicou que o Concello, con data 7 de maio, recibiu unha comunicación de dita entidade onde se informou sobre o recoñecemento.
O Instituto Mexicano de Avaliación é un organismo que, segundo os seus estatutos, "ten como propósito contribuír ao fortalecemento dos servidores públicos a través da formación, avaliación e recoñecemento da Xestión Pública de conformidade con estándares internacionais".
FINALISTA AO PREMIO DE HONRA LÍNEA DIRECTA
Ademais Pontevedra é finalista ao Premio honorífico en Seguridade Vial que concede Línea Directa. O alcalde terá que asistir o mércores 12 de xuño ao Teatro Real de Madrid por se ten que recoller o premio de honra, xa que Pontevedra é unha dos tres finalistas xunto co Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM) e a Fundación Española para a Seguridade Vial (Fesvial). A decisión coñecerase durante a gala de entrega destas distincións.
O xurado esta composto por dez persoas entre as que destacan a Directora da Dirección Xeral de Tráfico, María Seguí Gómez, os xornalistas Iñaki Gabilondo, Matias Prats e Bieito Rubido ou o presidente de Bankinter, Pedro Guerrero.