Un arousano confesa un atraco a un banco a punta de coitelo e acepta cinco anos de cárcere
Por Natalia Puga
O veciño de Vilagarcía de Arousa Manuel L.G. confesou este xoves que foi o autor dun atraco cometido en xuño de 2012 na sucursal de Novagalicia Banco en Baión, en Vilanova de Arousa, e que tras amedrentar dous empregados cun coitelo de grandes dimensións se levou 9.000 euros.
Tras recoñecer a autoría do delito de roubo con intimidación con uso de arma indicou ao tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra que se conforma coa condena que solicita para el a Fiscalía. O fiscal pedía inicialmente sete anos de prisión, pero no acto do xuízo decidiu rebaixar a petición a cinco anos. O procesado aceptouno, de forma que a sentenza xa será firme.
O home, de 47 anos e natural de Santiago de Compostela, aínda que residente en Vilagarcía de Arousa, ten un amplo historial delituoso. Pesan sobre el tres sentenzas firmes de xulgados do Penal de León e Barcelona por feitos similares e saíra do cárcere tan só uns días antes do roubo que recoñeceu este xoves ante a Sección Segunda da Audiencia.
Manuel L.G. ingresou en prisión o 20 de xuño de 2012 e o atraco que se lle atribúe cometeuno supostamente sobre as 11.30 horas do 7 de xuño. Segundo o relato dos feitos que el mesmo recoñeceu, entrou na sucursal e abordou dous empregados cominándoos cun coitelo para que lle entregasen 9.000 euros.
Cometeu o atraco a cara descuberta nunha sucursal na que estaban, nese momento, a directora, un empregado e un cliente. Ningún resultou ferido e tras o atraco o procesado fuxiu en coche. Posteriormente, refuxiouse en Santiago de Compostela ata que o 19 de xuño, 12 días despois do atraco, foi sorprendido pola Garda Civil cando conducía un vehículo en dirección á localidade coruñesa de Boiro.