O campus de Pontevedra tamén quere a súa Bandeira Azul
Por Redacción
Planear e pór en marcha accións que contribúan a diminuír os impactos negativos que a propia sociedade directa ou indirectamente causa no medio ambiente. ÿ un dos principais obxectivos que persegue o proxecto Green Campus que promove a organización sen ánimo de lucro Foundation for Environmental Education (Fee). Participan nel un bo número de universidades de todo o mundo e, proximamente, a Universidade de Vigo a través do campus de Pontevedra.
A vicerreitora, Antonia Blanco, anunciou, durante o Consello de Campus que tivo lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, a creación dun grupo de traballo que marque os pasos a seguir en todo o que atinxe a esta iniciativa. Explicou que 40 universidades europeas participan na actualidade no proxecto Green Campus que determina como obxectivo prioritario para os novos organismos participantes a consecución desta Bandeira Azul.
Para lograr este obxectivo, a Vicerreitoría pretende pór marcha cursos e obradoiros de sensibilización e formación dirixidos á comunidade universitaria no que estean involucradas, a ser posible, todas as institucións e organismos da cidade de Pontevedra. Segundo Antonia Blanco, a participación da Universidade neste proxecto será moi beneficiosa para "concienciar da problemática ambiental aos universitarios a partires das súas propias vivencias".
HUMANIZACION DO CAMPUS
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, presidiu esta xuntanza de máis de tres horas de duración na que, entre outros asuntos xerais, se tratou polo miúdo a complexa situación na que atopan inmersas todas as universidades españolas. Mato quixo destacar tamén os avances que se están a realizar no deseño dunha liña estratéxica que inclúa todas as titulacións do campus de Pontevedra tal e como se fixo en Vigo e mais en Ourense co Campus do Mar e da Auga respectivamente.
Explotar toda a potencialidade da súa oferta académica tomando boa nota das necesidades sociais e económicas tanto da cidade como da súa comarca son os principais obxectivos deste plan. A través dunha "cooperación intelixente" o reitor quere promover conxuntamente a imaxe do campus e de Pontevedra a través da creatividade, abandeirada pola comunicación e o mundo artístico, o deporte e o mundo forestal.
A maiores, no Consello da Campus, Antonia Blanco informou do remate, nos vindeiros días, das obras de mellora das beirarrúas no campus da Xunqueira. A empresa concesionaria rematará estas tarefas que se están a realizar nos arredores da facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia así como o espazo no que se atopa a Escola Infantil do campus. Con anterioridade xa se realizaron outras melloras en zonas verdes e aparcadoiros.