Piden sete anos de cadea para un atracador que levou 9.000 euros dun banco de Vilanova
Por Natalia Puga
O veciño de Vilagarcía de Arousa Manuel L.G. sentarase este xoves no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra como suposto autor dun atraco en Baión no que conseguiu un botín de 9.000 euros a punta de coitelo.
O fiscal pide para o procesado unha pena de sete anos de prisión por un delito de roubo con intimidación con uso de arma. O home, de 47 anos e natural de Santiago de Compostela, ten un amplo historial delituoso. Pesan sobre el tres sentenzas firmes de xulgados do Penal de León e Barcelona por feitos similares e saíra do cárcere tan só uns días antes deste roubo.
Manuel L.G. está en situación de prisión provisional dende o 20 de xuño de 2012 e o atraco que se lle atribúe cometeuno supostamente sobre as 11.30 horas do 7 de xuño na sucursal de Novagalicia Banco en Baión, en Vilanova de Arousa.
Segundo consta no escrito de acusación do fiscal, o acusado entrou na sucursal e abordou os dous empregados cominándoos cun coitelo para que lle entregasen unha cantidade de diñeiro que el mesmo marcou: 9.000 euros.
Segundo informou no seu momento a Garda Civil, o home cometeu o atraco a cara descuberta e portando nas súas mans un coitelo "de grandes dimensións", co cal "conseguiu intimidar os empregados". Cando entrou na sucursal estaban no interior a directora, un empregado e un cliente, que non sufriron nigún tipo de lesión.
A investigación do atraco levouna o grupo de delitos contra o patrimonio da unidade orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, que conseguiu deter a Manuel L.G. tras analizar as imaxes gravadas pola cámara de seguridade da sucursal bancaria.
O home fuxiu do lugar en coche e refuxiouse en Santiago de Compostela ata que o 19 de xuño, 12 días despois do atraco, foi sorprendido pola Garda Civil cando conducía un vehículo en dirección á localidade coruñesa de Boiro. Xa que fora detido anteriormente por outros dous roubos con intimidación en entidades bancarias de Santiago e Brión.