Acepta dous anos de cárcere por trapichear con droga na capela en ruínas do Vao
Por Natalia Puga
María Belén P.C recoñeceu que en xuño de 2012 trapicheaba con droga no poboado chabolista do Vao e aceptou polas súas accións unha condena a dous anos de prisión, así como ao pagamento dunha multa de 600 euros.
A muller, de 45 anos, sentouse este martes no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas por un delito contra a saúde pública por posesión de substancias que causan grave dano a persoas.
A Fiscalía solicitaba catro anos de prisión por un delito contra a saúde pública, o comiso de todas as substancias intervidas e o pagamento dunha multa de 1.000 euros, á que habería que sumar un día máis de privación de liberdade por cada cincuenta euros que deixe de aboar en caso de insolvencia. Finalmente, a fiscal tivo en conta a ausencia de antecedentes por feitos similares e reduciu á metade a petición de prisión.
Segundo o escrito de acusación, o 18 de xuño de 2012 a Garda Civil sorprendeu a acusada dirixíndose a unha capela en ruínas que se encontra situada no poboado. Alí esperábano varias persoas. Cando chegaron os axentes pedíronlle que se identificase, "e nese momento botou ao chan de forma disimulada un envoltorio de papel de aluminio".
No seu interior, relata a Fiscalía, había un total de setenta e sete envoltorios máis pequenos nos que había unha substancia que, "convenientemente analizada", resultou ser cocaína cun peso total de 6,987 gramos, unha riqueza do 84,29% e un valor de 821,84 euros, que a imputada portaba, co fin de entregalos logo de pagamento a terceiras persoas.