O dono de Armarios Alonso, acusado de estafa: "jamás se me pasó por la cabeza que estuviera haciendo algo ilegal"
Por Natalia Puga
José María A.G., propietario da empresa de Sanxenxo agora pechada Armarios Alonso S.L. sentouse este martes no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas polos delitos de estafa e falsidade documental. El recoñeceu determinadas prácticas financeiras que lle atribúe a Fiscalía como ilegais, pero sostén a súa inocencia dos dous delitos dos que se lle acusa e asegura que "jamás se me pasó por la cabeza que estuviera haciendo algo ilegal".
A Fiscalía pedía para o procesado catro anos de prisión polos delitos continuados de estafa e falsidade documental, pero tras a vista oral celebrada este martes decidiu modificar a súa acusación e consideralo autor dunha falsidade continuada, pero dunha estafa puntual. En global, pasou a solicitar ao tribunal dous anos e nove meses de prisión e dúas multas de nove e seis meses a razón de seis euros diarios. Segue pedindo que indemnice a súa vítima, o Banco Etchevarría, cos 58.078 euros que supostamente lle estafou.
A fiscal sostén que o procesado, actuando como representante único da empresa que estaba situada en Nantes (Sanxenxo) formalizou o día 14 de xaneiro de 2005 co Banco Etchevarría, ante notario, unha póliza de asunción de responsabilidade e afianzamento de operacións mercantís para o desconto de efectos mercantís entregados como medio de pagamento e aboamento anticipado de facturas emitidas por Armarios Alonso con cargo aos seus clientes.
Sobre a base desa póliza, "coa finalidade de obter diñeiro en efectivo, sabendo que nada lle debían e sen consentemento destas," elaborou unha serie de "facturas ficticias" de clientas anteriores da súa empresa polas que o banco lle deu catro anticipos por un total de 58.078 euros. As empresas de devolveron os recibos, pero o banco xa llos pagara, de aí a estafa. A falsidade documental teríaa cometido ao inventar as facturas.
Durante a vista oral, o procesado recoñeceu ter asinado a citada póliza de asunción de responsabilidade e que entre 2005 e 2009 facía uso desta "cuando lo necesitaba", pero que non que "jamás tuve la sensación de estar cometiendo un delito", pois asegura que os responsables da sucursal bancaria coa que traballaba estaban ao tanto da súa forma de actuar.
Ao respecto, indicou que "el banco quería" que realizase eses movementos económicos porque "cubría objetivos y cobraba intereses" e que non recorda telo falado directamente con ningún responsable da entidade, pero que non o vía necesario porque "en los negocios hay cosas que se hacen y no se hablan".
O acusado engadiu que a empresa que finalmente pechou "tiña garantías abondo para cubrir eses recibos" e que utilizar desta forma esas pólizas de asunción de responsabilidade "es una práctica habitual".
"Yo si quisiera hacer una estafa como se dice que hice podría hacerlo muy fácil, me marchaba para Brasil y no acababa arruinado"
Para soster a súa inocencia alegou, ademais, que "yo nunca retiré en efectivo dinero del Banco Etchevarría" e que "yo si quisiera hacer una estafa como se dice que hice podría hacerlo muy fácil, me marchaba para Brasil y no acababa arruinado".
A declaración do procesado contradise coa realizada co que foi director do banco en Pontevedra a partir do ano 2007. Cando chegou a citada póliza xa estaba subscrita, pero algunhas das facturas cobrounas estando el á fronte e asegurou que "nunca tuve constancia de que las facturas fuesen falsas".
Ademais, sinalou que se decatou en contacto co acusado de que estaba a suceder algo coa póliza de Armarios Alonso porque un mes recibiu un número "inusual" de devolucións de facturas, pero que se puxo e este lle dixo que o arranxaría. Como non o fixo, púxose en contacto cos clientes e descubriu que as facturas non eran reais.
Pola sala tamén pasaron os clientes cuxas facturas supostamente falseou e aseguraron que "no le debemos nada" a Armarios Alonso.