"Para nós, dende logo, a sentencia xa está feita, son culpables os catro do asasinato de meu irmán"
Por Natalia Puga
Sara Monteagudo Caldas perdeu o seu irmán en xullo de 2010 supostamente vítima dun asasinato. Catro mozos foron detidos como presuntos autores da morte de Enrique Monteagudo, están en prisión preventiva e serán xulgados entre o 14 e o 17 de outubro, pero este martes o coñecido como crime do Umia chegou aos xulgados. A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra revisou a prórroga de prisión de dous dos acusados ao tempo que a irmá da vítima non mostraba ningún reparo en sinalar os procesados: "para nós, dende logo, a sentenza xa está feita, son culpables os catro do asasinato de meu irmán".
A vista serviu para revisar a estanza en prisión de Adrián Ferro Couto e Borja Coucheiro Sanjurjo, detidos hai xa dous anos, en xuño de 2011. Celebrouse a porta pechada e os acusados declararon por videoconferencia, pero os pais, a irmá e o cuñado do falecido aseguran que "non podiamos non estar, temos que estar en todo, en todos os pasos que se dean". Ademais, non estaban seguros de se os procesados acudirían en persoa, de modo que quixeron acudir á Audiencia porque "se viñan, que nos viran aquí,".
A nai acariñando unha medalla coa foto de Enrique Monteagudo, a irmá con bágoas nos ollos e o pai e o cuñado ensimesmados e visiblemente afectados. Así esperaban os familiares mentres na sala se revisaba a situación dos dous procesados.
Segundo indicaron fontes xudiciais, os avogados dos dous procesados solicitaron que os seus clientes sexan postos en liberdade ata a celebración do xuízo mentres que a Fiscalía e a acusación particular exercida pola familia da vítima queren que non saian ata que se lles xulgue en outubro. A defensa alega que os procesados non se fuxirán e que teñen arraigamento familiar mentres que a fiscal e o avogado da familia se amparan en que ambos os dous se enfrontan a 20 anos de prisión, unha pena o suficientemente alta como para xustificar que sigan no cárcere.
"A situación non cambiou dende que os colleron ata agora, deben seguir na cárcere ata que chegue o xuizo", valora o cuñado da vítima, Luis Cancelas. A súa esposa e irmá do falecido engade que "hai risco de fuga" se saen de prisión antes de que se lles xulgue e ve "unha parvada que os liberen polos catro meses que faltan para o xuizo".
Malia todo, confían en que o xuíz prorrogue a prisión e tamén en que os catro procesados (Héctor Vázquez Liste e Jesús Piñeiro Mera non levan tanto tempo en prisión, só dende febreiro de 2012) rematen condenados polo tribunal de xurado que o xulgue. "Confiamos plenamente na Xustiza e pensamos que neste caso se vai facer Xustiza", opina Sara Monteagudo.
Tanto a Fiscalía coma a acusación particular solicitan para os catro procesados unha condena a 20 anos de prisón como autores dun delito de asasinato. ÿ a pena máxima que podían pedir visto o relato dos feitos, pero Sara Monteagudo opina que "20 anos non é nada por unha morte".
Segundo o fiscal, os catro procesados, veciños de Cuntis e A Estrada de entre 23 anos e 55 anos, remataron coa vida do mozo de Moraña de 29 anos Enrique Monteagudo Caldas "de forma sorpresiva e sen que tivese oportunidade ningunha de defenderse". Golpeárono cun obxecto contundente e cortáronlle cun obxecto cortante e afiado no colo, supostamente todo por unha débeda vinculada co estraperlo de drogas.