Vilaboa presume de viños para reivindicar a súa incorporación á D.O. Rías Baixas
Vilaboa presume de viños. Os viticultores locais ofreceron os seus mellores caldos, tanto brancos como tintos, na segunda edición da Mostra do Viño de Vilaboa. Tres xornadas de degustación gastronómica dun dos produtos máis importantes da economía local. E é que o viñedo é o cultivo que máis superficie ocupa no municipio, 232 hectáreas. Por iso que mellor que unha gran festa para poñelo en valor.
Con esta iniciativa, Vilaboa pretendía difundir o traballo realizado polos seus viticultores nos últimos anos, un importante cometido de mellora dos viños, recuperando e potenciando as castas autóctonas que no seu día tiveron unha presenza dominante. O obxectivo final é lograr, dunha vez por todas, que os viños que se elaboran no concello poidan integrarse dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Inaugurada o venres polo actor Celso Parada, esta II Mostra do Viño de Vilaboa repetiu o éxito logrado o ano pasado. Centos de persoas acudiron ao adro da igrexa de San Adrián de Cobres para probar os viños locais. Un servizo de comidas a prezos populares, música tradicional e postos de artesanía axudaron a dar un ambiente máis festivo ao evento.
Ademais, no marco desta Mostra do Viño, en colaboración coa Asociación Galega de Viticultores, distinguíronse aos mellores viños do municipio, tras participar na tarde do sábado das catas calificadoras. O premio ao mellor veu tinto foi para o adegueiro Elvio Gómez Otero, que repite premio por segundo ano consecutivo, mentres que entre os brancos, o gañador foi o producido por Manuel Garrido Currás.