A Policía Local de Pontevedra festexa o seu día
Por Diego Espiño
Os axentes da Policía Local de Pontevedra reuníronse na mañá deste venres xunto a diversas autoridades civís, policiais e militares, ademais de familiares e amigos, para celebrar o Día da Policía cun acto no Pazo da Cultura.
Alí a Policía Municipal distinguiu a traxectoria de varios dos seus axentes polas súas aportancións nos diferentes departamentos da organización ao longo do último ano, en concreto os felicitados foron os policías Antonio Duarte Solla, José Luís Franco Padín, Diego Gil Gómez, Ramón Gamallo Maquieira, Carmen Ferrería Balchada, Jorge Barcala Lubián, José Luís Domínguez Maya, Marta García Sotelo e o Inspector principal José Manuel González Abal.
Ademais os axentes municipais premiaron a asociacións e persoal civil pola súa colaboración nos labores policiais, sendo recoñecidos neste aspecto agrupacións como AEMPE ou a Asociación de Veciños Castelao e cidadáns como María Helena Rodríguez García, Jeanne Picard, Ángel Moldes Taboada, Luis Barcia, Rosario González, Pablo Domínguez, Javier Barroso e Eva Blanco.
O acto concluíu cos discursos do intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, a concelleira de Seguridade, Carme da Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Na súa interlocución Daniel Macenlle, ademais de agradecer o traballo dos axentes e a colaboración doutros corpos policiais, agrupacións e diversas persoas, mostrouse especialmente satisfeito do último ano ao ter solucionado con éxito a celebración no espazo de poucas semanas de varios eventos multitudinarios que "constituiron todo un reto" pola complexidade dos operativos despregados. Refírese Macenlle ás Festas da Peregrina, a contrarreloxo da Vuelta Ciclista a España, a Feira Franca ou o partido da Selección Española de fútbol en Pasarón, todo iso en poco máis dun mes.