Os viños de Vilaboa vanse tres días de festa
Por Redacción
Entre o venres 24 e o domingo 26 de maio o viño será o protagonista en Vilaboa. Celebrase a segunda edición da Mostra do Viño de Vilaboa e durante estas tres xornadas os asistentes poderán catar diferentes viños tanto brancos como tintos dos viticultores locais. Un servizo de comidas, música tradicional e postos de artesanía axudarán a dar un ambiente máis festivo ao evento.
Esta II Mostra do Viño de Vilaboa comezará o venres ás 19.00 horas coa apertura das casetas e a lectura do pregón ás 19.30 horas. Este ano correrá ao cargo do actor e director teatral Celso Parada, coñecido por interpretar a 'Freire' na serie da TVG Libro de Familia.
A tenente de alcalde do Concello de Vilaboa, Ornela Fernández, recorda que "o ano pasado, para ser a nosa I Mostra do Viño de Vilaboa, tivo unha acollida extraordinaria" e a valoración tanto municipal como dos viticultores, foi "moi positiva, xa que superamos todas as previsións feitas".
Engade que "este ano gustaríanos igualar ou superar ese éxito, para que pouco a pouco poidamos ir afianzando esta festa que tanto traballo nos costou e costa pór en marcha".
Nos últimos anos, os viticultores de Vilaboa levaron a cabo un importante labor de mellora dos viños, recuperando e potenciando as castes autóctonas que no seu día tiveran unha presenza dominante. Para recoñecer e difundir ese traballo, o Concello puxo en marcha esta mostra.
Ao respecto, Ornela Fernández indica que o viño é o produto local que máis superficie de cultivo ocupa, 232 hectáreas e que dende o Concello se quere "demostrar que Vilaboa tamén é Rías Baixas, e que tanto polo clima, como polas condicións enolóxicas temos dereito á estar dentro da Denominación Rías Baixas".