Conclúe a rehabilitación da Capela das Sete Espadas de Mogor
Por Redacción
A Asociación Labirinto de Mogor ven de concluir coas obras de realce da Capela das Sete Espadas, impulsadas por este colectivo veciñal. A capela loce agora un aspecto renovado, a espera da celebración da romaría das Sete Espadas que se celebra o 25 de xullo.
"Debido a distintas pavimentacións do camiño e do eirado o nivel do solo exterior aumentara coa conseguinte entrada de auga no Pórtico da Capela", explica o presidente da Asociación Labirinto, José Manuel Martínez.
O obxecto da obras foi o de evitar a entrada de augas de pluviais no interior da capela e a aparición de humidades, mais ao final as obras acabaron por realzar esta pequena construción de planta rectangular e estilo ecléctico que data de mediados do século XIX e que fóra construída pola Confraría das Sete Espadas.
José Manuel Martínez explica que a causa do asfaltado do camiño e do eirado que bordean a capela produciuse un levantamento do nivel do chan con respecto o chan da capela e do pórtico exterior. Debido a isto a auga que discorre polo camiño acumulábase no pórtico e entraba na capela.
As obras consistiron no cambio do solado do pórtico de entrada, que era de cemento moi irregular, por outro de pedra país. Ademais canalizouse a auga que discorre polo camiño nunha canaleta de lastros que recorre toda a cara leste da capela e acaba na prolongación do solado do pórtico.
Dende a Asociación promotora das melloras descritas, tamén informan de que as obras foron financiadas pola propia entidade a espera de que tanto o Concello como a Deputación acheguen as axudas solicitadas. Tamén esperan que por parte do Concello se efectúe o cambio do cadro eléctrico que penduraba dunha das columnas do pórtico afeando a capela.
Todas as obras requiriron dun proxecto que conta coa autorización do Servizo de Patrimonio da Xunta, solicitado polos promotores.