Dous anos e medio sen conducir tras sufrir un accidente cando triplicaba a taxa de alcoholemia
Por Natalia Puga
Un condutor non poderá conducir durante dous anos e seis meses como condena por un delito contra a seguridade vial tras sufrir un accidente de circulación na estrada entre Pontevedra e Vilagarcía e botar unha taxa de alcoholemia tres veces superior á permitida.
A sentenza ditouna o Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra en novembro de 2012 e acaba de ser confirmada pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. A resolución e impón o pagamento dunha multa de 1.500 euros (10 meses cunha cota diaria de 5 euros) e leva consigo non só a privación de conducir por dous dous anos e medio, senón tamén a perda de vixencia do permiso, de modo que deberá volver examinarse antes de volver coller un vehículo.
A sentenza, contra a que xa non cabe recurso, ten en conta a circunstancia agravante de reincidencia, pois o condutor en cuestión xa fora condenado polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra en setembro de 2010 a oito meses de privación do dereito de conducir como autor dun delito de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas.
Esta concea previa deuse por cumprida en maio de 2011 e menos de catro meses despois cometeu o novo delito polo que agora non poderá conducir durante dous anos e medio, en concreto, o 5 de setembro de 2011.
Segundo considera probado a sentenza, pouco antes das 19.50 horas conducía un vehículo Citroën Xsara que lle prestaran pola estrada PO-531, que comunica Pontevedra e Vilagarcía, "coas súas facultades de atención e percepción minguadas pola previa inxestión de bebidas alcohólicas".
Á altura do punto quilométrico 4,400 perdeu o control do vehículo, invadindo o sentido contrario de circulación e colisionar coa bionda da marxe esquerda. A consecuencia do impacto causou danos no vehículo que conducía.
Ao lugar acudiron, nun primeiro momento, a Policía Nacional e, a continuación, a Garda Civil de Tráfico, que o someteu ao test de alcoholemia. Na primeira proba deu un resultado positivo de 0,75 miligramos de alcohol por litro de aire expirado e na segunda, 0,79.