O equipo de violencia de xénero da Policía Local controla 46 vítimas nun ano
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra mantén un equipo con dedicación exclusiva á protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero no marco dun protocolo de colaboración e coordinación coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Durante o ano 2012, esa unidade especializada fixo seguemento e control de 46 vítimas, coas que mantivo 346 contactos ao longo deste período.
Das 46 vítimas controladas, 33 requerían protección por casos de violencia de xénero, oito por violencia doméstica e sete por outros delitos. En 18 delas tiñase estipulado un risco medio e en oito un risco baixo.
No marco dos delitos vinculados coa violencia de xénero, a Policía Local realizou en 2012 un total de oito detencións, seis delas contra presuntos autores dun delito de maltrato e dúas contra persoas que quebrantaran unha orde de afastamento que lles impedía achegarse ás súas vítimas.
A unidade especializada tamén emitiu dous informes para o xulgado de valoración de risco de vítimas de violencia de xénero e realizou tres comunicacións ás autoridades competentes de que se producira algunha incidencia no control dunha orde de afastamento.