Manteñen a busca dos dous vehículos do tiroteo e a persecución de Vilagarcía e da persoa que o denunciou
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa mantén aberta unha investigación para localizar os dous vehículos que sobre as 20.30 horas do venres protagonizaron unha espectacular persecueción polo centro de Vilagarcía de Arousa e supostamente se tirotearon mutuamente mentres ían á carreira.
Fontes policiais confirmaron este sábado que, ata o momento, as indagacións non deron os seus froitos e que unha circunstancia que as dificulta é que os investigadores non conseguen contactar coa persoa que alertou a Policía Nacional do que estaba a suceder. ÿ a única persoa que se revelou como testemuña dos feitos ante os axentes, de modo que se non o localizan ou non encontran máis testemuñas presenciais ou os propios vehículos implicados a investigación perderá toda a forza.
A persecución e o tiroteo foron na tarde-noite do venres tema de conversación por todo Vilagarcía, pero ningún veciño se puxo en contacto coa Comisaría para confirmar que o tivese presenciado en primeira persoa.
Segundo os datos que obran en poder da Policía Nacional, os vehículos implicados son un Renault Clio e un Audi de matrícula portuguesa. O primeiro rastro que hai deles sitúase na rúa Rodrigo de Mendoza, onde ao parecer mesmo se viron implicados nun accidente. De alí fóronse polo centro da cidade en dirección a Carril, onde volveron chocar antes de dirixirse cara a Catoira.
Nese momento xa fora alertada a Policía Nacional e varias patrullas deste Corpo e da Policía Local comezaron unha persecución dos dous vehículos, pero perdéronlles a pista en Catoira.
No operativo de busca tamén se pediu a colaboración da Garda Civil, pero as fontes consultadas indicaron que pola súa banda tampouco se produciu ningún avance para esclarecer o sucedido ou localizar os vehículos implicados.