As medidas de calmado de tráfico reducen os atropelos, pero os accidentes con feridos graves resístense
Por Natalia Puga
As medidas de calmado de tráfico adoptadas polo Concello de Pontevedra déixanse notar no balance da sinistralidade viaria. Coa súa aplicación reducíronse de forma considerable os atropelos e accidentes con bicicletas, nunhas cifras nas que a concelleira de Seguridade, Carme da Silva, e o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, ven unha relación directa cunha das últimas medidas: a redución da velocidade a 30 quilómetros por hora en todas as vías municipais.
Ambos os dous presentaron o balance de actividade da Policía Local en 2012 e indicaron que mentres que o número global de accidentes rexistrou un pequeno incremento (pasou de 826 en 2011 a 845 o ano pasado, 19 máis), nos máis directamente vinculados coa velocidade o descenso foi notable. Así, os atropelos pasaron de 50 a 37 e, deles, só 12 graves. Igual evolución viviron os sinistros de bicicleta, que quedaron en 14 no último ano e só en un houbo un ferido que requirise asistencia hospitalaria.
Os feridos e a intervención da Policía Local nos accidentes son outro barómetro a ter en conta á hora de medir a sinistralidade. Así, en 2012 se reduciron de 531 a 511 os sinistros nos que os implicados requiriron que se levantase atestado policial, isto é, os máis graves. En canto aos feridos, produciuse un repunte nos considerados graves (aqueles que requiren asistencia hospitalaria), que pasaron de 9 a 21 nun ano, pero reducíronse os de carácter leve, de 113 en 2011 a 106 o ano pasado.
O repunte nos feridos graves e accidentes sementa certa preocupación na edil de Seguridade e a Policía Local, que sinalan que sempre que haxa un só sinistro xa será un dato para seguir adoptando novas medidas, pero ambos os dous coinciden en sinalar que á hora de analizar a sinestralidade dun municipio é necesario "atender á evolución" e non quedar nos datos dun único ano.
Dende 2007 pasouse de 1.055 a 845 sinistros nun ano no termo municipal
As estatísticas a máis longo prazo permiten concluír que "chega un momento no que é difícil baixar" e toda redución dos accidentes "van baixando moi lentamente". Neste mesmo contexto, calquera pequeno aumento de dous ou tres accidentes pode disparar as estatísticas cando, en realidade, o balance segue sendo dun número moi inferior a hai tan só cinco anos. Dende 2007 pasouse de 1.055 a 845 sinistros nun ano no termo municipal.
Detrás deste descenso da sinestralidade, a Policía Local tamén sitúa o aumento das campañas de seguridade vial (en 2012 houbo 20) e da tarefa preventiva. Neste punto, resulta destacable o incremento do número de controis de alcoholemia realizados no último ano. En 2006 rexistráronse 1.353 probas, en 2009 eleváranse a 2.108, en 2011 xa foron 3.105 e en 2012 disparáronse a 5.501.
Este incremento en máis de 2.000 test de alcoholemia realizados aos condutores déixase notar nas cifras de positivos rexistrados. En 2006 foran 64, en 2011 xa foron 121 e o ano pasado detectáronse 181. A pesar de ser un número moi superior ao ano anterior, a media de positivos por cada proba realizada reduciuse de 4,9 a 3,3% en seis anos. Carme da Silva conclúe que esta redución é sinónima de que nas vías pontevedresas "cada vez é menos a xente que comete ou tremendo erro de conducir baixo vos efectos do alcohol".
Macenlle chama a atención sobre o elevado número de accidentes que se producen por despistes
Ás cifras de alcoholemia positivos hai que unir as de persoas ás que se detecta que conducen baixo os efectos das drogas. En 2012 a Policía Local 'pillou' 17. Tan só se realizaron 28 probas, de modo que a media de positivos queda no 60,71%. Ante estas cifras, os responsables policiais e políticos chaman a atención sobre o feito de que tan só se somete aos narcotest aos condutores que tendo síntomas de ir baixo os efectos dalgunha substancia dan negativo en alcoholemia, isto é, afínanse moito as probas, de aí que haxa unha porcentaxe tan alta de positivos.
Daniel Macenlle fixo tamén un exercicio de reflexión sobre a accidentalidade na presentación da memoria anual do Corpo e dixo que convén estudar as causas dos accidentes. Desta análise lle "chama a atención" que a causa máis frecuente dos sinistros son os despistes, "o que nos leva a pensar que imos ter que pensar en facer algo cos condutores, algunha campaña ou chegar a eles dunha forma orixinal, para espertar a conciencia" e que poñan máis atención ao volante. Un exemplo destes despistes é que en 2012 catro dos 21 feridos graves o foron en accidentes provocados por condutores que estacionaban dando marcha atrás.