Os ladróns que fuxiron da Policía ata Vilaboa integraban un grupo itinerante con domicilio fora de Pontevedra
Por Natalia Puga
Os tres homes de orixe romanesa que o martes protagonizaron unha fuxida da Policía Nacional pola cidade ata que lograron ser interceptados á altura do restarante Mochi en Figueirido (Vilaboa) integraban un grupo itinerante de ladróns con domicilio fóra da cidade que habitualmente se desprazan ao lugar de comisión dos feitos delituosos para abandonalo inmediatamente, unha vez perpetrados estes.
Os investigadores da Policía Nacional chegaron a esta conclusión tras deter os individuos e realizar indagacións sobre os seus antecedentes e modus operandi. Concluíron que se lle pode atribuír o roubo con violencia na vivenda da rúa Rosalía de Castro da que fuxían cando empezaron a ser perseguidos. Ademais, continúanse as xestións para tratar de confirmar os indicios que apuntan a que estes individuos poderían estar relacionados con outros roubos de vivendas cometidos na cidade.
Segundo informou a Comisaría, os tres detidos son dous varóns de 37, 28 e 27 anos veciños de Madrid e todos con antecedentes policiais. Ao longo da mañá deste xoves foron postos a disposición do Xulgado de Garda.
Os feitos sucederon sobre as 11.10 horas do martes 14 de maio. Os tres individuos saíron fuxindo tras roubar no interior dunha vivenda de Rosalía de Castro ao ser sorprendidos pola propietaria que regresaba de facer unhas compras. Tras extraer a bomba de aire da porta da vivenda terían accedido ao interior onde substraeron diñeiro e xoias.
Os veciños alertaron a Policía Nacional e os axentes dirixíronse ao lugar e iniciaron unha persecución tras os tres individuos que subiran a un vehículo, aparcado nas inmediacións. Emprenderon unha fuxida a toda velocidade polas rúas da cidade infrinxindo as normas de tráfico e poñendo en risco as vidas dos axentes.
Os axentes lograron interceptar o vehículo á altura do Mochi e detiveron os tres ocupantes por un presunto delito de roubo con forza. No momento da detención, e tras un rexistro do vehículo, interviñéronselle as xoias e o diñeiro subtraídos na vivenda, sobre 1.200 euros, ademais de útiles empregados en roubos con forza.
As xoias e o diñeiro que foron recuperados polos axentes fóronlle entregados á súa lexítima propietaria.