Sen centola das rías pontevedresas desde o 15 de xuño ata o 17 de novembro
Por Redacción
A Consellería de Medio Rural e do Mar remitiu ao sector a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centola para a campaña 2013-2014.
Establece que, nas provincias da Coruña e Pontevedra, quedará prohibida a extracción da centola do 15 de xuño ao 17 de novembro, ambos inclusive, mentres que, en Lugo, o crustáceo non se poderá capturar do 29 de xuño ao 1 de decembro, ambos inclusive.
As cotas máximas de capturas quedan establecidas en 35 quilos por embarcación máis 35 quilos por cada tripulante enrolado a bordo. Este plan, segundo apunta a Consellería nun comunicado de prensa, rexerá ata o inicio da veda do ano que vén.
Esta veda, destaca a Xunta, será consensuada co sector, atendendo aos informes técnicos biolóxicos correspondentes.