Deteñen un arousán, súa nai e súa noiva por branquear cartos procedentes do narcotráfico
Por Redacción
Tres persoas, todas elas veciñas de Vilagarcía de Arousa, foron detidas nos últimos días por axentes o Servizo de Vixilancia Aduaneira. Acúsaselles de branquear capitais procedentes, presuntamente do narcotráfico. A todos eles, a Axencia Tributaria embargou tres vivendas e un solar na capital arousana, catro vehículos e catro contas bancarias.
A operación, denominada 'Manzano', iniciouse en 2012 ao detectar o alto nivel de vida dun veciño de Vilagarcía, con antecedentes por tráfico de droga, e cuxa vida laboral consistira únicamente nun emprego dun ano. O principal investigado e o seu círculo familiar máis próximo realizaban adquisicións de inmobles en Vilagarcía e utilizaban vehículos de alta gama.
Os detidos, un mozo, a súa noiva e a nai deste, que responden ás iniciais C. D. P. G., S. M. G. G. e M. J. G. F., quedaron en liberdade con cargos tras pasar a disposición xudicial en Vilagarcía de Arousa.
Dirixida pola Fiscalía Antidroga de Pontevedra, esta operación enmárcase na loita de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria contra o narcotráfico. A Axencia Tributaria recorda que ten como estratexia fundamental "non só perseguir este tráfico ilícito e os seus autores senón tamén calquera afloramento do capital obtido no narcotráfico, atacando calquera intento de branqueo de capitais procedente deste delito".