Quedarán as aulas baleiras?
Por Oskar Viéitez
As APA de colexios públicos convocaron a todos os pais dos alumnos de primaria e secundaria a ir á folga.
Ademais da dimisión do polémico ministro de Educación e Cultura, José Ignacio Wert, os pais piden a retirada da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), o cese dos recortes e a apertura de "un proceso real de diálogo cos diferentes sectores dá comunidade educativa para buscar entre todos o consenso para mellorar, de verdade, o ensino público".
O ministro, pola súa banda, consideraba un feito "insólito e moi negativo" que os pais apoien a medida de "vaciar las aulas" por motivacións "políticas" cando, en palabras de Wert, a súa obriga é "procurar la mejor educación de sus hijos".
A plataforma galega que agrupa a CCOO, UXT, CSIF, Sindicato de Estudantes, Escola Viva, Confapa e Iesga pediu que se retire o anteproxecto da LOMCE por "economicista, segregadora e privatizadora" que, ademais, "identifica aos xoves de contornas desfavorecidas co fracaso escolar".
En canto á xornada de folga en Secundaria convocada en Galicia onte mércores e ata ao 18 de outubro o Sindicato de Estudantes cifra nun 85 por cento a participación na protesta nos centros galegos. A Consellería de Educación non se pronuncia, e o Ministerio sinala que a folga non superou o 20% en todo o Estado.
Unha das últimas protestas da xornada produciuse durante o mitin que Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, deu no Teatro Principal de Pontevedra. Ao redor de medio cento de mozos concentráronse ás súas portas para esixir unha educación pública, gratuita e de calidade.