Os maiores volven animarse cos xogos tradicionais da man da Cruz Vermella
Por Redacción
Cruz Vermella conmemora o seu día internacional e faino dedicándolle a xornada as persoas maiores. Os representantes da entidade en Pontevedra montaron un posto na Praza da Ferrería para ofrecer información a aquelas persoas que quixeran presentarse como voluntarios para axudar ao funcionamento da organización e tamén para aqueles maiores que queiran participar nas actividades de complementaria.
Os voluntarios de Cruz Vermella desenvolveron diferentes accións de animación de rúa coa posta en marcha de xogos tradicionais. Así varias persoas se animaron a facer lanzamentos de petanca e de buxaina, a xogar á botella, á pita ou aos birlos.
Estas son actividades que tamén se realizan dentro dos talleres que desenvolven na sede da Cruz Vermella. Alí acóllense talleres de memoria, memoria interactiva con novas tecnoloxías, con internet. Ademais tamén se desenvolven obradoiros de teatro, da risa, informática básica e avanzada. Segundo a monitora Rebeca Bastón "así se encuentran muy entretenidos y motivados".
A coordinadora de Cruz Vermella en Pontevedra, María Durán, indica que son 270 persoas as que fan uso destes servizos. Este venres realizarán unha visita ao centro das torres arcebispais e unha vez ao mes van ao cine e pásano "de marabilla". Calquera que queira participar nestas actividades só ten que achegarse pola sede da Cruz Vermella fronte ao Estadio da Xuventude.