Ravachol vaise de viaxe co Teucro a Irún
Por Diego Espiño
A concellaría de Turismo aproveitará a estanza do Teucro en Irún, onde disputará o próximo fin de semana a fase de ascenso á Liga Asobal, para promover a cidade no País Vasco.
Para esta misión Ravachol será o enviado especial xunto á expedición teucrista. Instalarase un posto nas proximidades do pavillón onde se rapartirán folletos con información da cidade, artigos de regalo e haberá dispoñibles peluches do famoso loro, co que os afeccionados ao balonmán poderán sacarse fotos e participar nun concurso nas redes sociais para gañar un fin de semana con pensión completa no hotel Campaniola, un fin de semana en réxime de aloxamento e almorzo no hotel Room e catro pasaxes en barco para visitar a illa de Ons.
Para participar no concurso as fotos deberán compartirse a través de Facebook facéndose fan ademais da páxina de Visit Pontevedra, seguindo ao perfil de Twitter @visitpontevedra ou a través de Instagram. O único requisito para participar é ser maior de 18 anos.
Carlota Román, concelleira de Turismo, asegurou que o perfil do visitante tipo de Pontevedra encaixa perfectamente cos habitantes do País Vasco e o resto da cordilleira cantábrica, de aí o interese mostrado na iniciativa. Á súa vez e como compensación, o Concello subvencionará o custo do autobús que o Teucro levará a Irún e ao que se lle instalará un vinilo promocional de Visit Pontevedra na parte traseira.