Por que escasea o polbo?
Por Oskar Viéitez
Por que escasea o polbo? A pregunta ten moitas respostas posibles xa que os expertos non acertan a sinalar unha única causa senón numerosas razóns que, sumadas todas, explican o que está a ocorrer.
O polbo é unha especie de ciclo curto, que vive menos de dous anos, cunha alta mortalidade das etapas temperás. Iso fai que calquera variable lle afecte á reprodución, por exemplo: a contaminación e o cambio climático.
Pero tamén se resente ante os ventos do norte, a seca ou a falta de mar de fondo.
No sector, a xente do mar argumenta que a abundante presenza de xarda (ou caballa) nas costas galegas é un dos principais motivos da escaseza de cefalópodo, xa que é un peixe moi voraz. Tamén hai quen culpa ás numerosas mandas de cetáceos que visitan as Rías Baixas. Mesmo se apunta como causa ao aumento das capturas de ourizo.
Non faltan as voces que sinalan a sobreexplotación esporeada polo alto prezo que alcanza o produto, furtivismo incluído, as vedas excesivamente curtas e o efecto devastador dos arrastreiros.
O caso é que as costas galegas apenas cobren a cuarta parte da demanda de consumo anual de polbo. O resto impórtase, maioritariamente de Marrocos e Mauritania, pero tamén de Perú, México e Chile.
A actual veda da captura de polbo en Galicia terminará ás 5 horas do luns 2 de xullo. Desde esa data e ata o venres 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie será de 30 quilos por barco e día.
A esta cantidade súmanse os 30 quilos por día por cada tripulante a bordo, cun máximo de 210 quilos ao día. Así, no que respecta á campaña, a cota máxima será de 50 quilos por barco e día, cantidade á que se engaden os outros 50 por tripulante, cun máximo de 350 ao día.
Relacionadas:
-
O arroaz QUEIK das Rías Baixas ao Alentejo
Por Redacción |
-
Que fai unha boneca de neve nas praias de Marín?
Por Redacción |
-
Os Gardacostas requisan en Beluso 31 quilos de centola
Por Oskar Viéitez |
-
Incautan en Bueu 56 quilos de polbo sen documentación
Por Redacción |
-
RADIO.- Cara a cara submarino: Pedro Alonso, buzo e "film maker" dos fondos das Rías Baixas
Por Clara Alonso |