Na procura das Escolas Deportivas Municipais máis igualitarias
Por Oskar Viéitez
"Retos para garantir a igualdade nas Escolas Deportivas Municipais" é un estudo feito pola Comisión de Igualdade das Noites Abertas no que se deixa ao descuberto a masculinización e feminización de certas disciplinas practicadas entre os rapaces de 4 a 14 anos.
As persoas enquisadas e entrevistadas, é dicir, o monitorado que traballa nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) ten clara a súa diagnose: fai falla unha "rede de axentes" (o deporte extraescolar, a escola, a familia e os medios de comunicación) que se impliquen en facer realidade a incorporación da igualdade ao ámbito da actividade física e deportiva.
O estudo detecta que o primeiro dos problemas atópase na familia xa que distingue entre deportes masculinos e femininos, así como nos medios de comunicación de tirada estatal que loan, xeralmente, os éxitos das competicións masculinas.
Ademais, o estudo tira unha serie de conclusións relativas á actuación directa das EDM de Pontevedra como a necesidade de realizar cursos de formación en igualdade para o monitorado, facilitándolle un método de traballo neste eido; campañas de captación deportiva coa perfecta integración da muller; coidar a imaxe dos carteis promocionais de eventos; crear torneos que fomenten a práctica deportiva das mozas ou mellorar as instalacións deportivas municipais normalizando a presenza da muller nestes espazos creando espazos específicos para elas, como pode ser o caso da reforma do Multiusos.
Os concelleiros adiantaron que se trata de conclusións que asume o Concello e que tamén servirá aos clubs para iniciar o traballo neste eido, facendo unha sociedade máis igualitaria.
O estudo foi elaborado por unha comisión de expertos na que estiveron presentes os concelleiros de ambos departamentos cos técnicos respectivos, xunto a Anxo Gómez, profesor de Educación Física do Instituto Sánchez Cantón; Carme Reboredo, membro da Comisión de Igualdade de Noites Abertas; Iria Vázquez, profesora de socioloxía da Universidade de Vigo; e a triiatleta Alba Cuba.
En definitiva, hoxe cada vez máis mulleres e homes son conscientes da clasificación excesivamente ríxida que supuxeron os roles de xénero e senten a necesidade de introducir cambios reais na sociedade para que esta responda aos múltiples e diversos modos que existen de ser mozo ou moza, de ser home e de ser muller. Ese é o camiño cara á igualdade: que nada nos defina, que sexamos libres para decidir o que queremos ser.