Lapas de San Xoán, purificadoras, máxicas e festivas
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
Noite de lume, tamén provocado, pero nada que ver cos incendios forestais. Chamas purificadoras, máxicas, festivas. Medio milleiro de fogueiras autorizadas celebraron a noite de San Xoán na comarca de Pontevedra. 131 delas foron na capital.
Entre as máis populares destacaron pola súa orixinalidade as da parroquia marinense de Cantoarea, con dous barcos situados no alto das súas respectivas cacharelas. Xa deixaran claro hai uns meses que eles saben montar verbenas, agora nova lección coas fogueiras.
Orixinal tamén a proposta de Caldas de Reis, unha falla colocada no medio do río Bermaña. Os veciños do barrio de Campo da Torre queiman todos os anos unha maqueta dun edificio do pobo, onte á noite foi a quenda do Balneario Acuña. Queimárona sobre as augas á beira da ponte romana.
E este ano, máis que outras veces, moitas follas de apuntamentos queimáronse nas brasas. Algúns opositores lanzaron cadernos con anotacións froito do traballo destes meses de peche. Os temarios, quedaron gardados en casa.
Por certo que o lume aumentou a calor dunha noite con altas temperaturas e sen vento.