O Carlos Oroza vai impartir dous ciclos formativos de grao superior na modalidade de FP dual
Por Oskar Viéitez
O vindeiro luns 25 de xuño e ata o martes 3 de xullo estará aberto o prazo de presentación de solicitudes para cursar un ciclo de formación profesional tanto polo réxime ordinario como na modalidade FPDual.
Para novo curso 2018-19 o Carlos Oroza vai impartir dous ciclos formativos de grao superior na modalidade de FP dual, o ciclo de Xestión de Aloxamentos Turísticos e o ciclo con dobre títulación en Dirección de Cociña e Servizos en Restauracion. Ambos os dous serán en convenio co grupo Hotusa, o que posibilita realizar o período de estancia na empresa en hoteis de prestixio a nivel internacional da cadea Eurostars Hotels
No CIFP Carlos Oroza o alumnado ten a posibilidade de cursar a dobre titulación de Grao Superior de Dirección de Cociña e Dirección de Servizos de Restauración de xeito simultáneo mediante un itinerario modular, obtendo ambas as dúas titulacións en tan só tres cursos académicos na modalidade de Formación Profesional Dual alternando en cada un dos cursos períodos de 6 meses no centro educativo e 6 meses de prácticas remuneradas en hoteis da cadea Eurostars Hotels.
Recibirán unha bolsa de 500 euros polo traballo realizado no período de estancia na empresa, o aloxamento, e a viaxe de ida e volta para cada período formativo.
Estas dúas titulacións permitirán ao alumno ser un profesional polivalente, coas actitudes e aptitudes craves tanto para xestionar unha cociña como unha sala. Ademáis, hoxe en día as empresas buscan cada vez máis profesionais polivalentes e coa dobre titulación as oportunidades de inserción laboral multiplícanse.
A dobre titulación é posible debido aos numerosos módulos comúns existentes entre as dúas titulacións de grao superior de xeito que se validan oficialmente, posibilitando así a realización de dous ciclos formativos de grao superior en tres cursos académicos.
MODIFICACIÓNS
Como é habitual, a oferta de FP fluctúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FPDual.
Así, na FP Básica súmanse os ciclos en Actividades domésticas e limpeza de edificios no CIFP A Xunqueira de Pontevedra e o Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa incorpora o de Reprografía.
En réxime ordinario en grao superior incorpóranse os ciclos de Ensinanza e animación sociodeportiva un novo ciclo LOE que substitúe ao CS Animación de actividades físicas e deportivas LOXSE no IES Sánchez Cantón.