A Deputación, pioneira na introdución de cláusulas de responsabilidade social nos contratos públicos
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou a súa satisfacción porque a institución provincial é unha das administracións "pioneiras", trala entrada en vigor en marzo da nova lei de contratos do sector público, na introdución de cláusulas de responsabilidade social nos contratos públicos.
A Deputación de Pontevedra xa puxo en marcha contratos con criterios de responsabilidade social atendendo á nova lei, que prevé que os pregos establezan ao menos unha condición especial de tipo ambiental, social ou laboral.
A presidenta informou que, "desde agora os criterios de responsabilidade social, que se marcarán como obrigas esenciais por parte das empresas que opten a contratos da institución, terán que ver coa igualdade e pola aposta por empregos de calidade e en condicións dignas para as súas traballadoras e traballadores".
O programa "Tecendo Lazos 2018" trátase, xunto con "DepoIntegra 2", dun dos primeiros en incorporar as cláusulas sociais no contrato para adxudicar a súa execución.