Pontevedra incorpora unha nova parcela ao parque do Gafos
Por Redacción
O Concello de Pontevedra comeza os primeiros traballos para incorporar unha nova parcela ao parque do Gafos, no seu tramo urbano, conectando o paseo fluvial coa rúa María Victoria Moreno.
A parcela ten unha superficie duns 380 metros cadrados e está situada na rúa María Victoria Moreno, entre unha vivenda e un taller de coches. A Concellaría de Xardíns pretende crear neste novo espazo -que foi expropiado polo Concello- unha zona de estancia agradable, creando unha nova entrada ao Gafos dende a cidade.
A parcela estaba abandonada, con valados publicitarios e pechada cara a rúa por un muro de bloques. Por un dos seus extremos está case a nivel de María Victoria Moreno e tamén se atopa elevada ao respecto do paseo do Gafos.
Unha das primeiras actuacións que realizou o Departamento de Xardíns foi a retirada dos valos publicitarios, e a apertura dun pequeno tramo da parcela -retirando o muro de bloques- cara a rúa María Victoria Moreno, para poder traballar con maior comodidade na roza e limpeza, que aínda se está a desenvolver.
A seguinte actuación que urxe é a retirada dalgunhas especies arbóreas que se atopan en situación de perigo, xa que están descalzadas e enfermas. Proximamente, o departamento de Xardíns procederá á retirada de, cando menos, unha árbore.
A Concellaría de Xardíns ten ademais en previsión retirar todo o muro de bloques que pecha a parcela para abrir o paseo cara a rúa e substituíla por un valado no estremo con máis pendente.
Tamén está previsto crear un espazo de estancia, polo que se colocará mobiliario público como bancos ou mesas, e tamén crear un acceso da parcela ao paseo do Gafos salvando un pequeno desnivel con algunha actuación branda e acorde coa zona na que se atopa.
Relacionadas:
-
Unha sentenza obriga a pagar ao Concello máis de 850.000 euros por un terreo expropiado na contorna do Gafos
Por Redacción |
-
Piden a expropiación dunha leira no Gorgullón por 2.669.000 euros e o xurado acorda darlle só 14.377
Por Redacción |
-
Pontevedra abre unha nova 'porta' ao Gafos desde María Victoria Moreno
Por Alejandro Espiño |
-
Un particular reclama, a través de letreiros no paseo peonil, comportas para o río Gafos
Por Redacción |
-
Uns particulares agasallan ao Concello unha leira no Gafos
Por Oskar Viéitez |