Demandan unha actuación urxente na Rúa da Tablada
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Socialista vén de solicitar unha actuación urxente na Rúa da Tablada. "Están a escasos tres minutos da Praza da Peregrina pero os veciños e veciñas séntense absolutamente esquecidos polo goberno municipal", indicou o portavoz do PSOE, Tino Fernández.
Segundo sinalan, o firme da rúa está cheo de baches, as beirarrúas en estado lamentable e nalgúns sitios, impracticables, hai fincas cheas de maleza que son o refuxio ideal para certo tipo de bichería, contedores queimados e outros en estado depauperado.
"Están moi cabreados e é comprensible. Escoitan que se van a gastar cartos na rúa Oliva cando eles, que están a un pasiño dela, teñen que soportar situacións terceiromundistas", din dende o PSOE local.
A veciñanza tamén se queixa da presencia "case histórica" de valos de obra nas beiras do río e do aparcamento "indiscriminado", tanto á entrada da rúa como nas beirarrúas.
"Os socialistas esiximos que o modelo de cidade non quede solo limitado ás rúas máis visibles e que se atendan as lóxicas peticións dos veciños e veciñas da Tablada" rematou dicindo o portavoz.